Clean, a irmá rebelde de Kling

Clean by Kling Aínda que en voz alta o seu nome é case igual, a nova marca de Kling non é exactamente o mesmo que o que habitualmente vemos nos seus modelos. Clean, que é como se chama esta nova aposta-colección, é distinta. “Clean está máis tola”, explícanos por correo electrónico o seu director creativo, Adrián González. E, aínda que “en esencia si” son iguais unha rapaza Kling e unha Clean, Clean é a irmá rara (ou así é como a definen no dossier de prensa) da primeira.

É Kling levada ao extremo. Cunha esencia girly e cute, Clean vai un paso máis alá do que fai Kling e deixa ese toque naif que todos asociamos á roupa da marca. Clean ama as bandas de rapazas, a cor rosa, Xapón, o vitoriano e as casas de bonecas ou as ilustracións creepy. Pero ademais gusta dos karaokes, unha afirmación que di moito da súa filosofía. Clean é un pouco máis radical. “Vai facer toladas”, dinos González, “polo que ao mellor a critican máis que á súa irmá”.

Pero ademais Clean recupera esa esencia do difícil de atopar que tiña no primeiro momento, cando era menos popular, Kling. As coleccións son limitadas. Iso impide que por exemplo existan zapatos ou outros complementos (e bolsos e zapatos son algunhas das cousas máis fermosas que ten Kling) dentro desta colección. “Clean sae dúas veces ao ano”, explica Adrián González, “e é unha colección moitísimo máis pequena e limitada. De momento non ten accesorios”.

Non só as súas tiraxes serán máis limitadas (cada modelo terá unicamente 100 prendas, incluíndo tallas, aínda que os prezos non son máis elevados que o que pode ser un modelo de Kling dos de sempre: os vestidos están nos 54,90 euros, o modelo máis caro, que é máis ou menos o prezo no que andan os de Kling) senón que tamén a súa distribución é menos masiva que as prendas Kling. Só se poderán mercar en tendas da marca ou na súa tenda online. As tendas multimarca non terán a nova colección. “Clean é bastante súa e gústalle máis estar na casa, escoitando música e bebendo viño coas amigas. Xa saíu moito e non lle gustan as aglomeracións”, apunta Adrián González.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *