& Other Stories, o chic&cool futuro de H&M

Other Stories

A estratexia multimarca séntalle moi ben a algunhas firmas de moda. Inditex fixo moi ben un imperio no que cada grupo de idade e cada grupo de interese ten o seu propio establecemento. Todos temos interiorizados os valores de cada unha desas marcas (sen que Inditex gaste un duro en publicidade os malditos!!) e todos vamos pivotando dunha a outra marca a medida que maduramos e cambiamos de parecer (que ninguén veña aquí a negar que no pasado tiña un fondo de armario Bershka style!). Ata Uterqüe, a cara, chic e estilosa nova división, conseguiu en nada de tempo facerse cunha identidade. O seu principal competidor, H&M, non tiña ben xogadas esas cartas e quedaba coa marca principal e con outras menores e menos populares, como Cos. Ata agora: H&M tamén vai xogar na liga das marcas para cada grupo e vai lanzar en breve a misteriosa & Other Stories, unha división de nome complicado da que sabemos moi pouco.

A nota de prensa que mandaron dende H&M aos medios de comunicación é breve e tampouco conta moito dos segredos da marca. Sabemos que é unha nova marca, que terá só sete tendas físicas (unha en Barcelona), que se venderá online en dez países (entre eles España) e que arrancará operacións na primavera. “Todos nós en & Other Stories estamos moi contentos coa apertura das nosas primeiras tendas nalgunhas das principais cidades europeas e buscamos ofrecer as nosas coleccións incluso a unha audiencia máis grande a través de stories.com“, apuntaba Samuel Fernström, responsable de  & Other Stories, no comunicado.

E como serán esas coleccións? Pouco se sabe. A información da empresa di que haberá zapatos, bolsos, accesorios, produtos de beleza e roupa ‘lista para vestir’ e que intentarán ser diversos, chegando dende o estilo traxe masculino ata o feminine chic. Os prezos serán asumibles e as coleccións serán pensadas en talleres creativos en París e en Estocolmo. Só coa elección deses dous lugares como epicentro do deseño xa nos fan imaxinar unhas coleccións chic (París, o berce da elegancia) e cool (Estocolmo é unha das cidades máis cool de Europa, prometido). Polo momento, só un perfil en Facebook, uns vídeos en YouTube e un Tumblr corporativo permiten imaxinar como vai ser a marca. Todas as imaxes teñen ese estilo en branco e negro, un pouco moderno, con moita Polaroid e con ese toque tan trendy-classy que teñen algunhas marcas de moda e que dan moitas indicacións sobre o que se pode agardar de &Other Stories.

Por así dicilo, se H&M é roupa a montóns, con espazos masivos repletos de cousas e con prezos que buscan ser competitivos; &Other Stories da a entender que vai ser máis chic, máis minimalista, máis estilosa. Dende o punto de vista económico, a H&M non lle queda máis remedio que diversificar, porque agora mesmo ten en realidade todos os ovos na mesma cesta. Dende o punto de vista da moda, H&M non ten máis remedio que facer un esforzo para conquistar a aqueles que non ve(mos) a súa marca nin cool nin chic.

Fotos | H&M

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *