Menhires contemporáneos

O escultor Daniel Alonso (lembrade, xa o coñeceramos na Casa Taller de A Guarda) expón petrografías,  nós mariñeiros e menhires contemporáneos na mostra AlmaZen, que estará no Centro NovaCaixaGalicia ata este domingo (si, hai que darse présa).

Alma-zen porque as obras expostas son sinxelas, limpas, puras, conectando coa tradición galega pero tamén co deseño contemporáneo.  É o caso, por exemplo, da serie ‘Menhires’, once pezas de granito que imitan a escala reducida a maxestosa forma dos ancestrais monolitos, pero mesturados con outros materiais como poden ser a madeira, a corda, ou pequenas pedras. O resultado é ao mesmo tempo simple e moi atraente, o que explica que estean funcionando moi ben a nivel de vendas -a pesares de ser as pezas máis caras-: “son fáciles de colocar en calquera ambiente, porque poden pasar por unha obra tradicional ou por unha obra contemporánea”, explica o autor.

O primeiro menhir foi feito o ano pasado como trofeo para o torneo Warhammer en Ferrol, combinando a cultura tradicional co abstractismo moderno. O resultado gustoulle tanto que serviu de punto de orixe para 10 menhires máis, que teñen un prezo de 450 euros.

Outra das coleccións que está a chamar moito a atención é a das ‘Petrografías’, fotografías feitas por Natalia González Devesa dunha serie de pezas de Daniel Alonso (tamén expostas) que xogan coas aparencias, para converter seixos da praia en obxectos cotiáns, como poden ser un libro, un reloxo ou un globo terráqueo. Así, mediante a mestura de materiais, o seixo transformado convértese nun poema-obxecto, na liña de Joan Brossa.

Por último, atopamos tamén a serie ‘Nudos’, composta por 37 pequenos cadriños inspirados na linguaxe mariñeira e rural das ferramentas de traballo (apeiros de pesca e labranza). Unha re-visitación do concepto “rústico”, enmarcado nun cadro de aspecto vintage.

Trátase dunha exposición pequena, pero moi recomendable. Se queres vela, xa sabes, estará na Sala 2 de NovaCaixaGalicia, en Vigo (rúa Velazquez Moreno, 18), ata o día 29.

Fotos | Nuria Villa

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *