Arte Postal: Correos como comisario artístico

Arte Postal

Vivimos tempos difíciles, tempos nos que todo ten unha versión en ceros e uns máis exacta, máis perfecta. E malia que estamos claramente fascinados por toda a tecnoloxía e os gadgets brillantes cos que xogamos sen parar, botamos en falta o de antes, as tecnoloxías analóxicas e inexactas. Por iso xogueteamos con cámaras Polaroid ou Lomo, reivindicamos o son do vinilo e non nos enfadamos cando a imaxe do cine ten manchiñas impensables na era dixital. Non obstante, as nosas caixas de correo están tristes e só reciben facturas, propaganda e moi de vez en cando unha postaliña.

A Arte Postal non é un movemento nacido coma resposta á tristeza das caixas de correo na era do email, pero sería sinxelo imaxinar un rexurdimento gracias ao gusto hipster polo vintage e o bonito. Que hai máis vintage que enviar por correo postal un paquete ou unha carta? E que hai máis bonito que recibir paquetes ou cartas decoradas? Porque a Arte Postal (Mail Art) é iso: enviar arte por correo, de forma que a arte sexa visible. Todos eses empregados de correos son parte da túa audiencia.

Arte PostalO movemento, non obstante, naceu moito antes de todo isto: algúns din que a súa primeira manifestación tivo lugar cando Cleopatra decidiu enviarse a si mesma a Xulio César envolta nunha alfombra, aínda que os seus comezos oficiais datan de finais dos anos 60 (do século XX). Foi nese momento no que, como resposta ás xerarquías existentes no mundo da arte, os artistas empezaron a enviarse obras por correo, sen máis intermediarios que os propios empregados do servizo postal.

Pero, como funciona? Hai dúas correntes (ou formas) principais. Por unha banda está o envío de obras de artista a artista: eu envío un obxecto (o que sexa) por correo a outro artista. Este pode gardalo e responder con outro obxecto (ou non), pode decidir expoñer o que recibe ou incluso traballar sobre o recibido e reenvialo ao remitente ou a outro artista. A outra modalidade é a que desemboca en exposicións: alguén (non ten que ser unha galería ou museo) fai un chamamento de arte postal, con algunha condición ou totalmente libre, e expón todo (TODO) o que reciba.

Como todo movemento que se prece, a Arte Postal ten tamén a súa etiqueta, unha serie de normas non escritas que son cumpridas polos participantes: calquera pode unirse ao movemento (hai moito amateur e aficionado, ademais dalgún artista profesional), os chamamentos para exposicións non teñen nin xurado nin precisan do pago dunha taxa, non hai censura e todo se exhibe.

En pleno século XXI o movemento segue vivo, se cadra con máis forza aínda que a finais do XX (no que houbo unha pequena migración cara ao dixital debido a unhas taxas postais cada vez máis altas): hai chamadas para exposicións, grupos en Flickr e exemplos en Pinterest que deixan claro que a Arte Postal está á orde do día. E hai xente disposta a enviarche pequenas obras de arte por correo se ti lles envías a cambio a túa arte. Pregúntalle a Google. Atoparás resposta.

Fotos | Flaxman Library e June Campbell

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará