Casas divertidas para nenos (e non tan nenos)

Seguro que cando eras pequeno soñabas cunha casa con tobogáns, un rocódromo na túa parede ou unha colchoneta xigante. A falta diso, para desgusto dos teus pais utilizabas calquera superficie para deslizarte, escalabas polo armario e dabas botes na cama cando ninguén miraba. Hai nenos e nenas máis afortunados, que viven en barcos e baixan ao piso inferior en barras como as que usan os bombeiros ou en tobogáns tubulares. Se sempre quixeches unha casa divertida toma nota dos seguintes proxectos. Quizais agora de maior poidas conseguilo, e se non é posible, lembra que a imaxinación é poderosa.

Casas con tobogán

O tobogán é sinónimo de diversión, e para un neno substituír unha escaleira por unha superficie deslizante ten toda a lóxica do mundo. Rainbow House é unha creación de Ab Rogers Design, en colaboración con DA. Studio. Esta casa, situada nunha buliciosa rúa londiniense, está chea de sorpresas. Unha trapela no chan descobre un tobogán que conduce ao salón situado na planta de abaixo, onde un enorme sofá cadrado ofrece un suave espazo praza para xogar, durmir e vivir. Ademais conta cunha cama que xira para que os seus inquilinos poidan contemplar as vistas das distintas fiestras da habitación, e cunha escaleira de caracol con todas as cores do arco da vella.

Fotografías de Rainbow House

Outro magnífico exemplo é esta casa con tobogán situada en Nova York, deseñada por Turett Collaborative Architects. Imaxina descender por este semitubo mentres contemplas as vistas da cidade a través das enormes fiestras!

Habitacións temáticas

Unha casa na árbore, un carromato de circo, unha cama con forma de foguete espacial… unha habitación temática na que representar aventuras é o soño de calquera cativo. A moitos adultos encantaríalles tamén vivir neste cuarto pirata, ideado por Steve Kuhl, de Kuhl Design Build, unha empresa de Minneapolis especializada en remodelacións e proxectos de customización como este. A habitación está concibida para un neno de 6 anos, e a temática pirata foi a escollida despois de barallar escenarios espaciais, de carreiras de coches e de castelos. Conta cun pequeno calabozo para irmáns pequenos molestos e cunha corda no interior da nave pola que descender a un armario situado debaixo.

Fotografía de  Steve Kuhl
Un rocódromo!

Estas fotos de seguro emocionarán aos máis montañeiros. Un rocódromo no cuarto faría saltar de alegría a nenos e non tan nenos. Nunca escalar pola habitación foi tan doado.

Fotografía de Anniken Zahl Furunes
Fotografía vía Bldgspace
Con camas elásticas

Redes, camas elásticas e outras superficies para saltar e elevarse sobre o chan son o complemento perfecto para unha casa divertida.

Fotografía vía The Architecture Blog

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *