Comezou como un pequeno negocio que comerciaba tarxetas de cores para compañías de cosméticos. Pouco a pouco foi medrando, e Pantone acabou por converterse no primeiro sistema de identificación cromática en 1963. Hoxe é o máis recoñecido e utilizado nas artes gráficas e o deseño, pero ademais conseguiu crear ao seu redor toda unha experiencia de marca, o Universo Pantone, un mundo de cores perfectamente catalogadas que visten cuncas, bicicletas, cadeiras, bolsos e incluso un hotel.
O Pantone é un hotel boutique (59 habitacións) situado no centro de Bruxelas. Cada un dos seus sete pisos conta cunha paleta de cor, e cada habitación está decorada seguindo esas tonalidades (Pantone 478, 200, 137, 1215, 238, 353, 298, para os amantes da precisión cromática). A maioría das superficies son brancas, a xeito de lenzo sobre o que se salpican cores saturadas. Sobre as camas poderás atopar fotografías de Victor Levy, e na parede, tarxetas que catalogan á perfección as cores dominantes destas imaxes.
Se tes un día gris, no Hotel Pantone podes acudir a un psicólogo especializado en teoría da cor en busca de asesoría, ou ben consultar algún dos libros sobre esta temática que teñen a disposición dos clientes. Tamén contan cun servizo especial para as empresas, que poden acondicionar as salas de reunións coas gamas de cor da súa identidade corporativa. No edificio, deseñado por Michel Penneman e Olivier Hannaert, non podía faltar unha tenda cunha ampla selección de produtos deste universo de cor.
Fotos | Pantone Hotel