Todos nós sabemos o que ‘Abella’ significa. Non é tan normal que o saiban en Alemaña, Francia ou Estados Unidos, países aos que este mel galego, artesán e gourmet chega contido en fermosos botes de cristal.
Abella, que ten a súa sede en Ribeira, é un mel crúo, sen filtrar, obtido mediante técnicas tradicionais usadas por mestres apicultores desde hai séculos. Un coidado, unha naturalidade e unha delicadeza que se trasladan ao seu packaging, obra de Bonnie Miguel. Cada bote de cristal está deseñando con suaves e suxerintes formas xeométricas. O efecto óptico máis fermoso prodúcese cando estes recipientes se enchen de mel, remarcando a sinuosa elegancia.
Da tapa, ilustrada cunha abella, baixa unha liña amarela, un regueiro de mel que remata en gota na sobria etiqueta, conectando ambas partes.
O packaging deste mel mereceu un Silver ADDY®, da Rochester Advertising Federation ADDY® Awards, na categoría Sales promotion, packaging, single unit (promoción de vendas e deseño de envases).
Fotos | Judy Parker para Abella
* Esta información forma parte do especial Cool Packaging, unha selección das embalaxes que máis nos gustan. Podes ver máis aquí.