Ti podes axudar a levar Algo máis de cor aos hospitais

Unha das maquetas do proxecto Algo máis de corSon tempos difíciles para a cultura, canto máis cando o seu obxectivo é social. En decembro tivemos a oportunidade de coñecer no Off Culturgal o proxecto artístico ‘Algo máis de cor. Terapia habitación de hospital’, promovido pola Asociación Cultural Sen Marco, que pretende reducir o impacto negativo da hospitalización nos menores a través da arte. Hoxe piden a nosa axuda ante os problemas de financiamento que poñen en perigo a continuidade desta iniciativa, para que “entre todos sexamos capaces de encher de cor o Hospital para os nosos pequenos”.

“Non podemos modificar a realidade dunha enfermidade, pero si podemos minimizar a vivencia traumática do espazo hospitalario. E a arte faino posible”. Con esta premisa nace ‘Algo máis de cor’, que desde o pasado mes de abril se desenvolve no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela. Os pais e nais dos nenos e nenas reciben unha maqueta da habitación, que poden transformar no que se refire á cor e mobiliario, e deste xeito reinventar o seu espazo. A través desta terapia artística desde a Asociación buscan que a cor cure, que faga aos participantes sentirse mellor e apropiarse do baleiro e neutro espazo hospitalario.

“Nestes tempos difíciles nos que parece que non hai espazo para a cultura, estamos tendo moitos problemas co financiamento”, afirman desde Sen Marco. Por iso non dubidan en recorrer ao crowdfunding para loitar pola continuidade do proxecto. Se queres apoiar esta iniciativa podes facelo a través da plataforma de financiamento en masa Lánzanos. Podes contribuír con achegas de a partir de 3 euros. Canto maior sexa a cantidade, maiores as recompensas, como chapas, información do proxecto, postais ou xoias en papel. A 63 días para que remate o prazo, contan con 23 apoios, e levan o 4% do que precisan recadado, isto é, 375 € dos 7.840 necesarios. Na súa ficha en Lánzanos podes consultar toda a información.

Maqueta do proxecto Algo máis de Cor, da Asociación Cultural Sen Marco

Fotos | Asociación Cultural Sen Marco

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *