Como dificilmente ignoraredes se sodes lectores fieis de Disquecool, onte tivo lugar o Off Culturgal: un encontro no que se presentaban distintos (e moi interesantes) proxectos no formato pecha-kucha, seleccionados por nós mesmos (veña autobombo!).
A noite comezou de maneira mellorable con varias disqueredactoras temendo pola súa vida nas autopistas galegas. O peor era saber que non debíamos de ser as únicas a conducir baixo o diluvio universal e que iso podía alterar o ánimo dos posibles espectadores. E é que a frase máis escoitada onte foi (queremos crer que en ton de broma) “por pouco quedo na casa”.
Pero unha vez na sala Karma de Pontevedra, todos quedamos a salvo das inclemencias meteorolóxicas e o Off Culturgal puido arrincar da man do seu presentador, o xornalista (que non o mentalista) Luis Pardo, quen soubo facer unha intervención dinámica e chea de humor ao longo de todo o evento e que comezou reclamando un cambio de nome (On Culturgal) para este anticipo da feira das industrias culturais que se celebra toda a finde (como tamén sabedes) no Pazo da Cultura.
Os encargados de romper o xeo foron o Coro da Rá, que conseguiron que todos acabásemos bailando case sen querer. E é que este coro de comando nos explicou en que consistía o seu proxecto, pero ademais nolo demostrou rompendo a cantar a modo de exemplo. Tan abraiados quedamos que algúns dos poñentes posteriores temeron non poder estar á altura dunha actuación musical de 30 persoas.
Equivocábanse, claro, porque o certo é que onte déronse a coñecer 10 proxectos innovadores e que mantiveron o interese do público sempre esperto: adiantóusenos o próximo evento de Sentinel Wardrobe, adicado ao cine de fantasía épica e que coincide marabillosamente cos 30 anos de ‘Conan’ ou os 25 de ‘A princesa prometida’ (son moi fan!); descobrimos as exposicións que están a ter lugar na creativa casa de “El halcón milenario”, aprendimos unha maneira artística de combater o síndrome hospitalario en nenos, gozamos de diversos proxectos arquitectónicos a través de contos, espiamos o proceso de elaboración dun prato de navallas no restaurante Abastos 2.0., reflexionamos un pouco sobre que significa o que vestimos, achamos que o cartón é o material de moda, xa sexa para crear stands ou mobles, e recordamos que seguir as paixóns é a mellor maneira de triunfar, ilustrado pola experiencia de Rocío Vázquez con Mil A Gritos Showroom.
Todas as iniciativas merecerían moitas liñas, pero foi posible presentalas a través de 20 fotos e 20 segundos de discurso por imaxe, o que fixo que o Off Culturgal fose, non só didáctico e estimulante , senón tamén moi entretido.
Desde Disquecool só nos queda agracedervos a presencia a todos os que puidestes asistir, e prometervos aos ausentes (pero con toda a dor do voso corazón) que pronto saberedes máis de moitos dos proxectos presentados.
Fotos | Andrés Fraga
2 comentarios