3,2,1…Off Culturgal!

Xa está aí a noite da que tanto levamos falado. Mañá xoves 1 de decembro ás 22 horas tes unha cita na Sala Karma de Pontevedra, esperámoste no Off Culturgal! Se te animas, poderás coñecer proxectos do máis estimulante en eidos como a música, a arte, a gastronomía, a fotografía, os eventos, o audiovisual e a arquitectura. Experiencias e iniciativas que os seus promotores narrarán ao estilo Pecha Kucha (20 imaxes de 20 segundos cada unha). A entrada é gratuíta. Non o perdas!

O xornalista Luis Pardo, a quen coñecerás polo seu paso por V Televisión (Control V), TVG (Banda Curta) e Cadena Ser, será o encargado de conducir esta sesión, que serve de anticipo á cuarta edición da Feira das Industriais Culturais, Culturgal, que fará da cidade do Lérez a casa da cultura durante os días 2, 3 e 4 de decembro.

Se queres coñecer novas ideas e proxectos e compartir unha noite informal e divertida con outras persoas creativas no podes perder o Off Culturgal, que segue o formato Pecha Kucha ideado en 2003 en Xapón polos arquitectos Astrid Klein e Mark Dytham. Cada presentación consistirá en 20 imaxes, cada unha das cales terá unha duración de 20 segundos. En total, 6 minutos e 40 segundos, fomentando un maior dinamismo e interese das intervencións.

Durante esta sesión poderás:

– Gozar da música do Coro da Rá e sorprenderte cos seus Concertos Comando

– Soñar con dragóns, bruxos, elfos, trolls e príncipes na presentación do evento Sacred Peak 2012, unha homenaxe ao cine de fantasía épica dos 80 que organiza Sentinel Wardrobe

– Inspirarte co proxecto cultural El Halcón Milenario, un piso de Vigo que non é nin museo nin galería, pero que garda moita arte no seu interior

–  Coñecer ‘Algo máis de cor. Terapia Habitación de Hospital’, que busca eliminar, a través da arte, a deterioración progresiva que aparece nos nenos hospitalizados a causa do sentimento de reclusión no centro hospitalario

– Aproximarte á obra dos arquitectos Verónica Gallego (Galicia) e Ondrej Fabian (República Checa)

– Seguir, paso a paso, a vida dun prato, desde a súa concepción, ata que chega ao comensal, grazas a Abastos 2.0 e ao fotógrafo Ramón Escuredo

– Reflexionar sobre a socioloxía do vestir coa proposta de documental de Clara Castro Peccis, ‘Direiche quen es’

– Descubrir o concepto de enxeñería creativa con Pablo Crespo, Creative Engineer de Imaisde

– Sorprenderte cos mobles de cartón de Adriana Filgueiras (Una gallega en la luna)

– Apaixonarte cos eventos de Rocío Vázquez, artífice do Mil a Gritos Showroom

Cando?: Xoves, 1 de decembro, 22 horas
Onde?: Sala Karma (C/ Riestra, 34. Pontevedra)

Entrada gratuíta ata completar aforo.

Consulta o flyer-programa en PDF aquí.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *