Máis de 130 actividades festexan a cultura galega en Culturgal

Pontevedra albergará os días 2, 3 e 4 de decembro o fogar da Cultura Galega, Culturgal, unha casa construída entre os distintos gremios da cultura: libro, creación audiovisual, artes escénicas, internet e novas tecnoloxías. O Pazo da Cultura de Pontevedra será o centro de operacións desta gran festa, cunha programación de máis de 130 actividades destinadas a todos os públicos. Como sabes, Disquecool tamén colabora nesta cita a través da noite Off Culturgal.

O Centro de Interpretación das Torres Arcebispais de Pontevedra acolleu o venres a presentación do programa desta Feira das Industrias Culturais de Galicia, que este ano celebra a súa cuarta edición. Culturgal ofrecerá de xeito gratuíto 83 actividades para público xeral, 24 para familias e 23 para profesionais. Por disciplinas, 34 destas actividades están relacionadas co libro, 27 coa música, 21 coas artes escénicas (sector que se incorporou con moita forza nesta edición), 8 co audiovisual, 4 coas novas tecnoloxías e 36 multidisciplinares.

Xunto á Feira, que achega ao público as novidades no eido cultural galego, celebrarase o Foro Culturgal, un lugar de encontro para os axentes do sector, un espazo para a reflexión, a aprendizaxe, a colaboración e o intercambio de experiencias. A tres semanas de que comece este encontro xa hai máis de 130 profesionais acreditados, 69 empresas e asociacións que exporán os seus produtos e servizos, unha programación profesional con preto de medio cento de relatores nacionais e internacionais e máis de 120 entidades presentando as súas propostas na programación oficial da Feira.

No fogar da cultura galega, como en todas as casas, cada cuarto esconde unha sorpresa:

– O cuarto dos nenos é un fervedoiro de actividades dende a mañá ata a noite, con obradoiros, exposicións, contacontos, maxia, teatro, danza e presentacións de libros e discos.

– No salón sucederanse as presentacións das últimas novidades editoriais e as conversas informais entre xornalistas e autores, un lugar para presentar e coñecer calquera proxecto relacionado coa industria editorial. Alí terán lugar un ano máis as Conversas de Salón entre intelectuais e xornalistas culturais como Ana Romaní, Manuel Jabois, Xesús Fraga ou Teresa Cuíñas. Con eles falarán, entre outros, Manuel Rivas e José Luis Cuerda, Domingo Villar, Xulia Alonso, Riveiro Coello, María Xosé Queizán, Carlos Callón ou Uxía. Estas conversas sobre a creación e sobre a vida complementaranse con cafés entre os escritores e grupos concertados de lectores/as e cun xantar literario.

– O garaxe é o recuncho no que atopar e difundir todo o relacionado coa industria audiovisual, as novas tecnoloxías da información, os novos medios e, en xeral, calquera proxecto baseado na creación e na distribución de contidos culturais.

– No patio hai un bar con programación non stop de música, teatro e danza dende a apertura ata o peche da Feira. Todas as actividades irán en formato showcase, serán breves petiscos de propostas diversas para públicos diversos.

– O faiado é un lugar de encontro para aquelas persoas que soñan, xogan, crean e exploran desde un posicionamento marxinal, un espazo para as obras de colectivos e persoas que nacen e se desenvolven á marxe da industria cultural.

– Nos corredores que comunican toda esta actividade, cada empresa ou asociación adobía o seu cuartiño para amosar os seus produtos e servizos.

A cultura galega non quedará pechada entre as paredes do Pazo da Cultura, senón que sairá de paseo por toda a cidade nas Noites de Culturgal. O xoves día 1, como anticipo á Feira, desenvolverase o Off Culturgal, actividade que como xa sabes conta coa colaboración de Disquecool. Seguindo o formato xaponés PechaKucha, presentaranse 12 proxectos de novos creadores en ámbitos como as artes plásticas, o audiovisual, a música, o deseño, a arquitectura ou a fotografía. A cita será ás 22.00 horas na Sala Karma, e a entrada é libre ata completar aforo.

As Noites tamén inclúe o MAPE Culturgal, unha mostra de actividades creativas de todas as disciplinas que se celebrará o venres 2 a partir das 21.00 horas en varios recunchos do casco histórico. Entre as propostas, un desfile do deseñador Gonzalo Vázquez, unha poxa poética dos Poetas da Hostia, e un concerto de Niño y Pistola as Arthur & The Writers.

O sábado 3 ás 22.00 horas o Teatro Principal acollerá o Culturgal aEscena, un espazo conducido por Os da Ría no que actuarán Davide Salvado, P&G Circus, Talía Teatro, Ke-percussion, La Macana e Teatro Chévere.

A Feira das Industrias Culturais está organizada pola Asociación Culturgal, unha entidade da que forman parte as asociacións profesionais máis representativas do sector: Asociación Galega de Editores (AGE), Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (Eganet) e Asociación Galega de Produtoras Independentes (Agapi).

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará