Repasando o futuro no MARCO

“Repasando o futuro”,  ese é o título que leva a XXI edición do festival de cultura e creatividade dixital ArtFutura, cuxo programa audiovisual podemos gozar este mes no Museo MARCO de Vigo.

Como cada ano por estas datas chega a Vigo este festival, que explora os últimos proxectos internacionais de new media, deseño de interacción, videoxogos, e animación dixital. Neste ocasión, poderemos visualizar diferentes imaxes de animación 3D, motion graphics, e efectos especiais, así coma documentais sobre cultura dixital.

O primeiro deles, que xa se pasou o pasado venres, e se repetirá o venres 25 de novembro, é o filme máis destacado, presentado este ano en Sundance: ‘Connected’, de Tiffany Shlain, un documental que mestura animación, imaxes de arquivo, e gravacións persoais para mostrar como inciden as novas tecnoloxías na nosa vida coma especie.

Tamén se proxectará ‘The Monster of Nix’, a nova obra de animación dixital de Rosto.

Outras proxeccións interesantes inclúen ‘PressPlayPlause’, un documental que trata a importancia  dos novos medios na música e na arte, a través de entrevistas con Moby, Sean Parker (Napster) ou Bill Drummond (KFL), ‘Futura Graphics’, que inclúe as pezas máis destacadas da creación dixital recente, ‘Art Futura Show’, selección comisariada das mellores obras de animación 3D producidas durante o último ano, ou unha retrospectiva do traballo de CANADA, productora que realiza videoclips e publicidade.

As proxeccións son sempre ás 19.00 horas (venres 18 e 25 de novembro e sábados 19 e 26) e o prezo é de 1 euro. Para ver o programa ao completo, visita á páxina web do MARCO.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *