O regreso de Tintimam

Tintiman foi unha revista icónica na Galicia (e non só) dos anos 80. Tratábase dunha publicación cultural na que se coidaba ao máximo o deseño, que trataba temas coma arquitectura, cine, literatura ou moda, e que puxo en marcha en plena movida viguesa o peiteador Xavier Moreda. Saíron ao mundo 5 números e coñecíase pexorativamente coma “a revista obxecto”.

En decembro do ano pasado, case 15 anos despois, Tintiman (agora Tintimam) regresa. Moreda confesa que pensara moitas veces antes en volver a editar a famosa revista “un proxecto cultural desta envergadura é algo que che queda aí, que sempre sentes que deberías reiniciar”. No 2010, finalmente, conseguiuno, pero remarca que agora entende a revista dunha forma moi diferente.

Para empezar pronto comezará unha edición dixital máis dinámica, que aspira a ser moi diferente do que as publicacións na rede están facendo polo momento. Sairá nun par de meses e será o motor principal de Tintimam, mentres que a revista en papel se converterá en dous libriños anuais feitos con máis calma, seleccionando quizais o mellor dos contidos online.

Para seguir, Tintiman converteuse en Tintimam, un pequeno detalle que reflicte o uso das linguas na revista. E é que hoxe todo aparece en tres idiomas diferentes: galego-portugués, castelán e inglés. “O máis práctico para que se coñeza a nosa realidade fóra de Galicia é traducilo todo”. E por que en galego-portugués? Porque Moreda cre que a única maneira de evitar que o galego morra é volver ao tronco orixinal, e ao mesmo tempo porque favorece a internacionalización da nosa lingua e o encontro co público lusófono.

En canto á cualificación de Tintimam coma “revista obxecto”, é algo que para Moreda non ten por que ser negativo, senón todo o contrario. A revista, que ten un tamaño moi rechamante (30x 45cm) e fotos moi coidadas, pretende ser desde o punto de vista formal, pura beleza: Un artigo de coleccionista.

A pesares de que Moreda recoñece que a situación da cultura galega é moi diferente da de hai 15 anos, móstrase  un pouquiño decepcionado. “As cousas están peor do que pensaba, estamos aínda nunha cultura secuestrada polas subvencións, nunha cultura que parece case ornamental, feita para decorar. Non xorde nada radical, non hai máis que mediocridade”. Sen embargo ve a luz ao final do túnel, pois cree que entramos no que el denomina post-hiper-einsenmanismo. “A pasta acabouse e este novo escenario ten a súa parte positiva. Agora toca espabilar“.

Tintimam tentará axudarnos nese espabile. Levan xa tres números, co mesmo prezo (20 euros) e co mesmo obxectivo: axudar a dinamizar o ámbito artístico e cultural.

Foto| Pirusca
Foto de portada | Tintimam 

Shares

    1 comentario

    • xose di:

      Paréceme unha moi boa nova. Xa é o momento de prende-la luminaria contracultural nestes momentos de merda que estamos a vivir.

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *