É a casa da cultura galega de papel?

Paper Toy

Colle papel, lapis, tesoiras e cola e pon a túa creatividade a proba: o reto é facer un paper toy (un xoguete de papel, si) dunha casa que represente o fogar da cultura galega, montalo, facerlle un par de fotos e envialas a culturgalcsc@gmail.com. Estarás a participar no I Certame Culturgal de Creatividade Universitaria organizado por catro alumnas da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo coa colaboración de Culturgal. E sabes quen é parte do xurado? Si, nós, a redacción de Disquecool ao completo!

Pero vaiamos por partes. Que é un paper toy? Non se trata dun xoguete de papel calquera, senón dun destes nos que o seu patrón é tan importante coma o obxecto rematado: gracias a ese patrón, calquera pode imprimilo e montalo, algo que fai que estean bastante de moda entre deseñadores gráficos e en Internet en xeral. Proba a facer unha búsqueda en Google e atoparás milleiros de modelos para encher a túa habitación de figuriñas de papel.

Esta divertida moda é o que fai de excusa para un concurso que ten como obxectivo deixar claro que a creatividade non é algo que falte entre os universitarios galegos. A proposta inclúe tan só un requisito: facer unha casa que represente o fogar da cultura galega. O tamaño, forma, e o material de fabricación son libres.

Como e cando presentar a obra?
Mediante fotografías do paper toy montado, enviadas nun email xunto cos datos básicos do participante a culturgalcsc@gmail.com antes do 27 de novembro ás 23:59 horas.

Como se realizará a selección do deseño gañador?
En dúas fases: todos os deseños serán colgados na páxina de Facebook de Culturgal, onde os usuarios votarán mediante “gústame”. As 10 obras máis votadas pasarán á segunda fase, na que un xurado formado por Paulino Pérez, docente do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación; Sergio Lago, director de Culturgal; Raúl Bermúdez Domínguez, redactor xefe de Dot magazine; e nós, a redacción ao completo de Disquecool; seleccionará o mellor deseño.

Cal é o premio?
As dez obras preseleccionadas serán expostas en maqueta orixinal na propia feira, e a obra gañadora recibirá un lote con produtos culturais galegos. Ademais, o seu autor será entrevistado en Disquecool (ben!) e en Dot.

*Consulta as bases completas aquí.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *