Que pasa cos barcos unha vez que remata a súa vida útil? A resposta non está nun cemiterio de barcos, nin nos afundimentos controlados para crear espazos de vida vexetal no fondo do mar. A nova vida dos barcos que xa non son útiles está no salón da casa de cada un. Ou no xardín. Ou se cadra no cuarto.
Alberto Van Zeller é o dono de All from Boats, unha curiosa tenda de mobles de Foz de Douro, Porto. Todos os mobles que ten á venda están feitos con restos de antigos barcos de pesca das diferentes illas de Indonesia, como Bali, Java ou Lombok. A súa orixe é por tanto exótica no só por onde foron xeograficamente creados senón tamén por con que os fixeron. En Indonesia, o fabricante -un alemán do que Van Zeller importa o produto final- merca aos mariñeiros os seus barcos de pesca cando xa non poden dar máis de si: as reparacións serían demasiado caras para que os pescadores se puidesen enfrontar a elas, así que mercar os seus barcos para darlles un novo destino é ademais unha maneira de coidar a economía local.
Algúns deses barcos “son moi antigos”, como nos explica na súa tenda do norte de Portugal Van Zeller, de 40 ata 60 anos de idade. A súa madeira non sirve para seguir navegando, pero si para construír con ela toda clase de mobles, dende cadeiras ata cómodas, espellos, mesas inmensas e “ata camas”. No proceso mantense o aspecto da madeira, polo que o espello, a cama ou a mesa que se merca teñen a pintura que viña co barco do que se sacou a madeira. O aspecto final é así por tanto único e sorprendente. Van Zeller fainos unha demostración práctica e invítanos a contar as diferentes capas de pintura que se poden ver nunha das mesas que ten agora mesmo á venda: en total, dez cores distintas se superpoñen, deixando imaxinar as diferentes paixóns pintoras e decorativas dos pescadores que empregaron ese barco ao longo dos anos.
Van Zeller explícanos que a idea non é nova, aínda que poida semellarnos incriblemente sorprendente. Os mobles ‘reciclados’ levan anos no mercado e el, de feito, descubriu en internet a existencia destes mobles de orixe mariñeiro. Ademais da tenda en Porto, conta con outro establecemento no Algarve e non descarta en lanzarse a polo mercado español no futuro. Aínda así, e polo de agora, a única maneira de facerse cun destes mobles únicos está nunha viaxe á capital do norte de Portugal. “Tamén vindes a Ikea, non?”, bromea o vendedor cando lle preguntamos se dende Galicia non poderiamos mercar os seus mobles na rede. Os prezos destes pequenos tesouros son variados, aínda que non escandalosos. Un espello pode saír por 110 euros e unha mesa de comedor por 670. A cambio está a garantía de ter algo completamente único, moi diferente. “Non hai máis”, explícanos Van Zeller sobre cada un dos modelos dos seus mobles. Cada táboa vén de barcos diferentes e por tanto agocha unha historia totalmente distinta.
Manter con ben un destes mobles feitos de barcos non é moi complicado: poden limparse como un moble calquera, aínda que un enérxico cepillado é a mellor opción de limpeza. Non hai que esquecer que, non hai moito, a mesa, a cadeira e o espello andaban a surcar os sete mares.
Fotos | Disquecool
pois habería que falar cos da UE, que adican moitos cartos ao desguace de barcos…
o homem chama-se Alberto Van Zeller que, aliás, é o nome de uma família de grandes portuenses
Cambiado! Graciñas! :)