Sangue e bágoas por Comic Sans

Imaxe con mensaxe de Ban Comic Sans

Hai varias cousas que non te podes permitir en internet. Unha, non entender a importancia dos gatos: os multimedia (vídeos, gifs, o que sexa) de gatiños son – ou iso din os iniciados – para o que naceu realmente a rede. Dá igual que a ti os gatiños che deixen como tal cousa. Sorrirás e tirarás para diante, porque a túa reputación online o merece. Dúas, non saber cal é o meme de moda. Se agora mesmo non coñeces a Forever Alone, non poderás pasar por internauta pro. Tres, usar Comic Sans. Non o esquezas endexamais: Comic Sans é un pecado. Comic Sans é o diaño. É Satanás convertido en amigable tipografía. Se algunha vez sentiches algunha simpatía por ela, esquéceo, ocúltao. Non llo digas nin a túa nai. Nin ela o comprendería.

Pouca xente decide dar un paso ao fronte e dicir que a Comic Sans tampouco lle parece tan mala. Pouca xente lembra aqueles traballos de primeiro de carreira que aínda ían en Comic Sans. Pouca xente bota en falta o deseño simple e infantil desta tipografía maldita, odiada por todos os deseñadores do mundo. Comic Sans é a antítese do deseño, xuran e porfían, e queren condenala ao low cost, o DIY chungo e ao amateur.

A tipografía máis odiada do mundo naceu no 94, en Microsoft, para ser usada por Bob, unha aplicación desenvolvida pola agora Melissa Gates (entón unha traballadora máis da compañía e non muller de Bill) para facer máis amigable ao sistema operativo da compañía, Windows. Vincent Connare, un deseñador que tamén é pai da Trebuchet, asinou un tipo de letra que era feitiña e amistosa: A letra que nenos, avós e ata gatiños verían sen resquemor tras un mundo de comandos e cousas complicadas para prender e fochicar nun ordenador. Bob foi un fiasco, pero a tipografía un bombazo. A xente amou Comic Sans e empezou a usala en todas partes. Non só o populacho empregou a tipografía. Os poderosos caeron rendidos nos seus brazos e, aínda que os deseñadores choraban sangue cando vían cousas así, empresas, organismos e o mundo enteiro escribía en Comic Sans. A Copa do Rei de 2011 chegou a estar incluso rotulada deste xeito.

Ante semellante tipo de infamias, o mundo do deseño púxose as pilas e lanzou unha ofensiva na rede. Todo uso da Comic Sans foi ridiculizado ata o extremo en internet e varias iniciativas lanzáronse a indexar e sinalar os males desta letra. Ban Comic Sans quere erradicar “esta praga da nosa era” prohibindo Comic Sans e impedindo así que se use esta tipografía en contextos tan pouco axeitados como as malas novas ou as sinais de prohibición. Permiten facerse cunha chea de merchandising anti Comic Sans e descargarse imaxes para realizar proselitismo contra ela. Comic Sans Criminal aposta pola educación e lembra que só se pode usar esta tipografía se o público ao que se dirixe un ten menos de 11 anos, nunha banda deseñada ou se a audiencia é disléxica (estudios proban que se le mellor, din eles). Eles só queren axudar aos adictos a se reinsertar na sociedade.

Unha das mostras da Comic Sans máis hipster

Todos este movementos anti Comic Sans só fixeron que as miradas de medio mundo se pousasen na tipografía e que algúns se preguntasen se realmente é tan mala. Uns creativos parisinos, uns modernos, montaron en Tumblr unha iniciativa para recuperala e reivindicala. Queren “encher o mundo de Comic Sans, porque a Helvética é tan 2011…“. Atacar o corazón do hipsterismo e poñerlle nas entrañas a tipografía-antes-coñecida-como-o-anticristo? Polo momento están re-escribindo os logos das empresas en Comic Sans e converténdose en viral, como no seu momento o foron os archienemigos da letra feitiña. (Algo moi útil cando es un creativo noviño na procura de traballos…)

Como era de agardar uns movementos e outro chocaron xa: a batalla pola Comic Sans producirá sangue e bágoas. “Vergonza debería darvos darlle pulos aos deseñadores gráficos de todo o mundo para usar os seus poderes para o mal”, dinlle os creadores de Ban Comic Sans aos franceses, lamentando que o tempo destinado a facer redeseños en Comic Sans podería estar sendo empregado en “xustiza social, na paz no mundo e en loitar contra a pobreza”. “Mirade como tratan de provocarnos”, din os franceses pro Comic Sans aos seus seguidores, asegurando que non lles importa. “Nós estamos no lado do ben, mentres eles están perdidos, perdidos no odio, no caos e na negatividade”. A súa será, auguran, a letra do mañá e seguirán pelexando ata erradicar a Helvética da terra.

A batalla das tipografías acaba de arrancar. E non quedará outra que tomar partido.

FotosPatCastaldo | Ban Comic Sans | Comic Sans Project

Shares

9 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *