Queridos Reis Magos: a carta de Disquecool

En Disquecool somos dos que cren que o primeiro paso para ter algo é pedilo (quen non chora non mama), unha filosofía vital responsable, entre outras cousas, de que este medio exista. Porque o segundo paso, se o de pedilo non funciona, é facer algo. Pero hoxe quedemos no primeiro paso. Esta noite veñen por casa uns señores do Oriente Medio que prometen darnos todo o que lles pidamos coa única condición de ter sido bos. Nós somos moi bos.

Por iso pensamos que non estaba de máis escribirlles unha carta cos nosos desexos máis segredos e inconfesables, e ademais pensamos que o ideal era que todo Disquecool participase: disquerredactoras, o equipo técnico e de relacións públicas, colaboradores, bloggers… A conclusión de momento é que somos un montón de xente e que os camelos van vir ben cargadiños. Aquí van as nosas peticións. Un por un.

Ana: Tiña un montón de ideas para esta carta (unha Polaroid nova, o disco ‘This is Christmas’ de Emmy The Great e Tim Wheeler, o libro baseado en Space Oddity…), pero en realidade non quero nada diso. O que eu quero, o que me faría a persoa máis feliz do mundo é un futbolín. Dos de pés separados e campo coma se fose un val (os de verdade, vaia). A ser posible con portadores que o suban ata o meu terceiro sen ascensor. Vosa sempre.

Futbolín

Cris: Eu este ano quero o Lego Taj Mahal. Non sabía que monumento famoso pedirlle aos Reis Magos, pero lin que ese é o que ten máis pezas (5922). Unha forma digna de poder seguir xogando ao Lego, de acabar cunha (réplica) obra de arte na habitación e de coñecer os segredos da India sen gastar (tantos) cartos. Son 200 euros. Pero ben o merezo.

LEGO Taj Mahal

Lucía: Buscando en Etsy encariñeime cun par de adorables coxíns de dous gatos namorados, obra de Nicola Rowlands, pero despois mudei de opinión, porque en realidade non me fío moito dos micos. A continuación pensei que era un bo momento para facerme cun vestido de Emily & Fin, pero o que realmente quero, Reis Magos, é volver a ser nena e construír casiñas, así que vos pido esta cidade de cartón para tirarme no chan e montar autobuses, árbores e vivendas. Paper Town está inspirada na arquitectura suburbana de Polonia e é obra do artista Robert Czajka. Ademais non teredes que ir moi lonxe a mercalo, porque está dispoñible no Gato Cósmico.

Raquel: De todas as cousas das que escribín este ano (e que tiven que probar), teño claro o que quero que me traian os Reis Magos: quero un perfume de Juliette has a gun. Citizen Queen ou Miss Charming foron os perfumes que máis me gustaron na proba (veña, Lady Vengance tamén!), pero non sei eu se Baltasar e compañía serán tan sofisticados. Se me regalan algún dos novos volumes de Miroslav Sasek que acaba da lanzar El Patito Editorial tamén quedarei contenta. Na miña colección aínda non están nin ‘Isto é Nova York’ nin ‘Isto é Roma’ (e xa os quero).

Misscharming

Andrés (dept. de imaxe e relacións públicas): Eu realmente o que quero é un Nokia N9, aínda que, tendo en conta que esta arriscada (e acertada) aposta dos fineses por reinventar o móbil nunca chegará ao mercado español, debería conformarme coa súa adaptación a WinPho. Porque, por moito que Nokia fale do Lumia 800 e nos queira vender a súa inclusión no sistema operativo Windows, eu sigo preferindo a beleza simple do N9. Que eu sei que son un fanboy, que o meu con Nokia e vicio, pero é ou non é o móbil máis bonito do mundo?

Juan (IT Guy): Se tendes unha liña para min, pedídeme estes coxíns para telos na cama e ata soñando estar rodeado das ferramentas para ter disquecool funcionando. Aínda que tamén molan os guantes para poder usar coas pantallas táctiles que vin por aí, que agora en inverno…

Horacio: Queridos Reis Magos, este ano porteime moi ben, e por iso vos vou pedir que Michel Gondry remate as súas próximas películas axiña, e que por favor sexan tan boas coma calquera das anteriores a ‘The Green Hornet’ (que non me gustou nada!); e se pode ser que me mande unha copia en versión orixinal subtitulada asinada de cada unha delas a casa. Grazas.

Carme (Sexo SCQ): Queridos Reis Magos. É fácil pensar que o que eu quero é un home que me faga o zume de laranxa todas as mañás. Así que pensei que quizais poidades axudarme neste desafío vital, xa que outra opción poderían ser uns ‘manolos’, polo feito de que levan nome de home, pero son moi pouco apropiados para os empedrados da cidade. Que tal unha licuadora coma esta? Graciñas aos tres.

Licuadora


Señorita MariPili
(Trapallada Deluxe):
Eu espero que alguén recorde a trapallada por excelencia deste ano (aínda non tiña o blog e non puiden falar entón dela): os peluches das enfermidades sexuais. Eu quero atopar debaixo da miña árbore aquela rosa e riquiña sífilis, aquela clamidia de gran boca ou aquela seria e non moi agresiva gonorrea. Posiblemente moitos pensen que merezo algo a prol da prohibición da Comic Sans, porque hai quen ten moitas ganas de que claudique no lado escuro e pouco colorista das tipografías.


Mon
(Gastrografía)
: O que lle pido aos Reis é un recorrido polas recentes estrelas Michelin, as galegas, e se son xenerosos polas nacionais, e tamén ser dos primeiros en poder desfrutar dunha cea no novo ESPAZO GASTRONÓMICO CULTURAL (EGC abastos 2.0) que se vai abrir en febreiro na cidade de Santiago de Compostela.

Estrellas Michelin galegas

ifrit: Pois eu quero a banda deseñada ‘Aventuras de un oficinista japonés’, de José Domingo. Un espectacular volume de 32 x 22 cm no que durante 120 páxinas seguiremos a un oficinista xaponés calquera na súa complicada viaxe de volta a casa despois do traballo. Cans voadores, yakuzas, familias caníbales, monstros mutantes ou meteoritos de goma de mascar serán só algún do encontros que terá no seu camiño. Este ano porteime especialmente ben.

Aventuras de un oficinista japonés

María: Como este ano me portei tan tan ben quería ter para min o novo traballo de She & Him. Aínda que o Nadal xa está a piques de rematar, nunca vén mal ter na casa un disco tan especial coma ‘A Very She & Him Christmas‘. Os doce temas versionados quedaron tan melódicos e doces na voz de Zooey Deschanel e Matt Ward que non desentoarán noutras épocas do ano. Nunca poderei explicar por que atrae tanto escoitar a voz desta muller… é tan riquiña, tan guapa, tan todo!

Tera: Queridos Reis Magos: como este ano fun moi boa serei xenerosa. Gustaríame que me trouxésedes unha desas pequenas bicicletas urbanas pregables que se poden levar no maleteiro do coche, para cando me aventure a descubrir pobos e cidades que non teñan, como Vigo ten, insuperables e vertixinosas costas.

Abel: Un burro: o combustible para os vehículos anda moi caro, o burro é un animal simpático e amigo do home, está en perigo de extinción e iso non pode ser. Salvemos o burro. Adopta un burro! 

Shares

6 comentarios

  • BSec di:

    Me encanta el de Abel!

    Xepo quiero uno, o dos…

  • Sucopataruco di:

    Pues vente a Galicia, que aquí aún quedan!

  • Vane di:

    Con muchos comparto los regalos, me gustan o me traen recuerdos. Me gusta esta página….dais muchas ideas ? De Ana me quedo: “This is christmas” pero el futbolín….es un peligro, mi primer beso de adolescente fué francés jajaja y de por medio un futbolín.De Cris no me quedo con el puzzle , ni con uno pequeño me apañaría.. pero tú valiente!!!! De Lucía me gusta la idea de la ciudad de cartón para volver a ser niña, preciosa y los cojines se me acuerdan a una pareja muy bonita ?? Raquel.. mi perdición los perfumes y los libros. Andrés lo que me gusta del Nokia es la foto….la belleza simple. Juan los cojines para una buena siesta….y bien acomodadito!!

  • Vane di:

    Y sigo…..Horacio las pelis en VOS me encantan!!Carmen yo tambien me pido el zumo y quien te lo haga.. y que te lleven el desayuno a la cama…Srta Maripili si no me dices que estos peluches tan monos son enfermedades me los quedo pero sabiendolo…Mon los restaurantes y de esa calidade..mellor!!! Ifrit… me gusta el libro se ve simpático y muy personal.María me gusta tu disco.. es que los Christmas… tan especial.Tera tu bici muy practica …y si lo pides con un chubasquero de bolsillo mejor..a mí me han traido uno y lo veo muy ponible Y Abel… tu deseo es que más me ilusiona… altruista. Sí sabe el principe Felipe que mis abuelos tenían un burro llamado así? Felices Reyes!!!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *