Nas rúas de Londres, Matilde asomábase aos escaparates das arty gift shops en busca de tesouros. De volta en Galicia, esta ourensá decidiu montar en Santiago de Compostela a tenda O Gato Cósmico, achegándonos deseño, ilustración e orixinais agasallos de artistas internacionais.
O 16 de abril o Gato Cósmico aterrou en Compostela “co desexo de mostrar todas esas cousas ‘cósmicas’ que foi atopando no transcurso das súas viaxes”, tal e como se define na súa web. Na tenda atoparás deseños orixinais feitos por artistas internacionais a través da ilustración, o arte urbano e os materiais reciclados. Outra das apostas deste establecemento é a filosofía DIY (Do It Yourself), que converte ao consumidor en creador do produto final. Camisetas exclusivas e de edición limitada, cuncas de orixinais deseños, un ‘ukelele kit’ para fabricar o teu propio instrumento, libros de deseño e ilustración e reloxos con forma de robot son só algúns exemplos dos artigos que poderás atopar.
Matilde é en realidade este Gato Cósmico, a emprendedora deste proxecto que ten a súa semente en Londres. Alí viviu unha tempada, tras estudar Arte e facer un Master en Xestión Cultural en Santiago. Durante a súa estancia tivo a oportunidade de moverse no ambiente artístico da cidade e namorouse das arty Gift Shops, tendas con artigos de agasallo feitos por artistas, do estilo das que podes atopar nos museos. Nestas tendas foi coñecendo as obras de diversos creadores que agora pon ao noso alcance nos estantes de O Gato Cósmico.
Polo de agora podemos atopar sobre todo produtos de artistas internacionais como David Graas, Emily & Fin, Mike Perry ou Junzo Terada, pero a idea de Matilde é ir incorporando a creadores galegos. A tenda dispón así mesmo dun espazo destinado a dar a coñecer obras de artistas de Galicia, que nestes momentos conta cunha exposición de Peri. A mostra conéctase ademais coa tenda, ofrecendo camisetas e postais do artista.
Matilde móstrase optimista sobre o panorama dos novos deseñadores e ilustradores galegos, se ben salienta que aquí “non se vende tanto, non hai tanta cultura”. “Fai falta que a xente se vaia concienciando, en Londres a ilustración véndese máis”, afirma, ao que engade que “aquí hai cultura de galerías, pero non de algo como isto”. Aínda así, móstrase satisfeita coa evolución da tenda desde a súa apertura hai algo máis de mes e medio.
O nome de O Gato Cósmico vén de lonxe. Matilde confesa que sempre quixo facer algo usando esta denominación, “por unha broma que tiña”. Un día, nun dos seus paseos por Londres atopou a ilustración dun gato que se axustaba perfectamente a esta idea. Era do artista Ben Newman -do cal tamén podes atopar cómics no establecmento-, e decidiu contactar con el. Hoxe, este gato é a imaxe da tenda e Matilde encárgase de estampar en cada bolsa a súa silueta felina para que leves os teus agasallos nun envoltorio co valor engadido do feito a man.
O Gato Cósmico é un excelente recurso para cando tes que mercar un agasallo para un aniversario, pero tamén para darte un capricho, especialmente se che gustan o deseño e a ilustración. Ademais os prezos son asequibles, tendo en conta o que adoitan cobrar por este tipo de artigos nas tendas de agasallos dos museos.
* Poderás atopar O Gato Cósmico na Rúa Concepción Arenal, moi preto da Sala Capitol
Fotos | Andrés Fraga
Pasei por alí hoxe mesmo grazas a vosa recomendación e podo verificar o que dicides. É todo precioso…. e namoreime dos vestidos (L) A dependenta moi riquiña, dixo que ía encargar máis e incluso os que nós quixeramos…. E sí, vestidos vintage preciosos lixeiramente adsequibles (38 euros aprox)
Tengo que ir!!
A min tamén me encantaron os vestidos :)