Estás vendo a televisión e de súpeto prodúcese un erro técnico. Un vídeo non entra, interrómpese o son -ese indesexable silencio-, e o que non debería verse aparece. Despois de tantos anos pegados á pequena pantalla, o medio transcorre ante nós con total normalidade, de tal xeito que só situacións como estas fan saltar momentaneamente o seu halo de realidade e transparencia e revelan ao espectador aspectos dos que non era consciente. O proxecto expositivo ‘Estades preparados para a televisión?’, organizado polo CGAC e o MACBA (Museo de Arte Contemporánea de Barcelona) invítanos a reflexionar sobre esta e outras cuestións nunha mostra que recolle 150 programas emitidos en televisión desde os anos setenta.
Pero que fai a televisión nun museo de arte contemporánea? A pequena pantalla dota de sentido á nosa realidade, naturalizando todo aquelo que presenta, e por tal motivo interesa a artistas e filósofos. Tal e como se explica na web do CGAC “habitar a televisión implica aceptala e asemade obrigala a que fale outra lingua de xeito que o espectador é testemuña de como se fai e como se desfai a televisión”. Unha viaxe de ida e volta entre a televisión e a arte e o pensamento que pretende “crear zonas escuras, nas que artistas, realizadores e pensadores mostran que é posible articular novos sistemas de relación do medio televisivo coa arte e co pensamento”.
A exposición é moi longa (nada máis e nada menos que 80 horas de gravación), polo que se a queres ver en profundidade necesitarás ir con tempo. Outra opción é, igual que en televisión, facer zapping e centrarte nos contidos que máis che interesen. A mostra está estruturada en dez seccións e conta con dispositivos creados para a ocasión, as Gran TV, así como con pantallas máis pequenas con cascos onde poderás navegar por distintos contidos a través dun menú.
A relación entre televisión e política, Salvador Dalí nun concurso de tv, programas coa participación de destacados intelectuais e artistas como Gilles Deleuze, Claude Lévi-Strauss ou Andy Warhol, son algúns dos contidos que atoparás na exposición. Tamén curiosos experimentos de artistas que aprenden a ser televisivos para atentar contra o medio desde dentro e obras que nos lembran como ten evolucionado a pequena pantalla: dunha oferta reducida de canles e programas á sobreabundancia e o zapping, e agora, á carta, a través de internet, acabando cun dos principios da televisión: a emisión.
* ‘Estades preparados para a televisión?’ exponse no CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela) ata o 18 de setembro
* Se queres saber máis tamén podes visitar a web do proxecto, seguir a súa conta en Twitter, consultar a súa publicación e explorar o proxecto educativo Zero TV
Fotos | Andrés Fraga