Un lúdico mar de globos azuis no MARCO

Probablemente xa oíches falar do divertido e tempestuoso mar de globos presente no MARCO. Trátase de A metade do aire nun espazo dado,  unha xigantesca obra de Martin Creed que podemos visitar nestes momentos e ata o 25 de setembro.

É unha desas obras conceptuais e interactivas, que a pesar diso (ou xusto por iso), resulta divertida. Quero dicir, os nenos non necesitan entender esta obra de Martin Creed para que sexa unha das súas favoritas e esa é unha razón de peso para ir a visitala. Pásao ben.

Se divertirte non é suficiente para ti, eu cha explico. A metade do aire nun espazo dado consiste, como o seu nome indica, en materializar a metade do aire contido na planta baixa do MARCO, mediante globos, para así, facer visible o que non pode selo, modificando ao mesmo tempo a percepción do contorno. Para iso, precisáronse máis de 50000 globos azuis, que hai que re-inflar periodicamente e que fan o título un pouco mentira, porque non sempre podemos ver  exactamente a metade do aire do espazo do MARCO (depende dos globos que vaian quedando).

Unha vez que entras no espazo da obra, andas apartando globos e mais globos, e ves cabeciñas de rapaces correndo, saltando e xogando cos globos. Non son os únicos, claro. Aínda que algúns dos maiores senten algo parecido a claustrofobia, rodeados por ameazantes globos polos pés, polo pescozo, e as veces sobre a cabeza. Iso é probablemente o mais interesante da exposición: como un obxecto cotiá, lúdico, infantil, pode converterse en algo angustioso, xa que unha vez estamos dentro, hai diversión, sobre todo, pero tamén desorientación e un punto de agonía (unha vez que decides saír tardas un bo rato en chegar ata a porta, por exemplo).

Segundo o artista, unha vez que pasamos o espazo cos globos, comezamos a formar parte da obra, xa que non podemos vela dende fora, soamente dende dentro, o que altera o noso entendemento da mesma.

¿Atréveste a te somerxer na obra de Martin Creed?

Foto | Sara Baños

 

 

Shares

    Etiquetas

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *