ACCIÓN DAG: Unha posta en valor do deseño galego

Carteis que se converten en instrumentos musicais, que producen novas formas e cores, tipografías que significan por si mesmas, embalaxes que converten botellas de licor en xoias… Son só algúns exemplos dos traballos que podes atopar en Acción DAG 11, unha iniciativa da Asociación Galega de Deseñadores que ten por obxectivo amosar e pór en valor os últimos proxectos de deseño feitos en Galicia ou por deseñadores/as galegos/as.

A proposta concrétase nunha plataforma web como medio de difusión inmediato, recentemente presentada, e en futuras publicacións que reflictan o mellor do deseño galego. A través desta convocatoria pretenden, segundo explican “abrir un novo espazo para amosar os nosos traballos, e convertelo nun referente para as empresas, institucións, estudantes e xente interesada no deseño e na cultura en xeral”.

Acción DAG é unha convocatoria aberta e continua. Cada deseñador, estudo, axencia ou colectivo pode enviar proxectos creados nos últimos anos, especialmente aquelas propostas máis inéditas.

Polo de agora, a web reúne obras duns 30 estudos e deseñadores en categorías como audiovisual, cartel, deseño de produto e indusrial, deseño editorial, web, gráfica aplicada e expositiva, ilustración, identidade corporativa, instalación e tipografía.

A presentación desta iniciativa acompañouse dunha mesa redonda onde sete deseñadores compartiron as súas reflexións acerca do papel do deseñador e do deseño na sociedade, e cuxas conclusións poder ler na web da Asociación Galega de Deseñadores.

Fotos | Acción DAG

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *