A ninguén lle sorprende ver pintadas nas paredes, nin carteis destacando os próximos concertos, nin os típicos anuncios de ‘Alúgase piso’ ou ‘Fanse traballos de carpintería’. O que si pode resultar máis desconcertante é atoparse a cidade empapelada de códigos QR sen máis explicación.
Isto é o que está a suceder estes días en Pontevedra. As paredes da contorna do cruceiro das Cinco Rúas atópanse salpicadas destes códigos en distintos tamaños, algúns en atraentes A3. E claro, a quen non lle pica a curiosidade?
Así que, intrigados, collemos o móbil e utilizamos a nosa aplicación de lector de códigos QR, que nos leva a esta imaxe:
Probamos con outro dos códigos e o resultado é este:
Así, distintos códigos levan a distintas imaxes, e os máis pequenos condúcennos a unha explicación: o blog da iniciativa 5 Street Museum, no que podes admirar todas as imaxes, e no que se afirma que o obxectivo deste proxecto é “captar a curiosidade da xente, ao ver, nunha mesma zona, varios códigos en A3, xa que , se foran as obras en si, non causarían a mesma impresión, por culpa da asimilación que se ten do medio urbano e as súas pintadas”.
A iniciativa permite achegar ao público de a pé as obras de alumnos da Facultade de Belas Artes da cidade dun xeito novo, e segundo subliñan “actual, seguindo as novas modas da información”.
Foto | Andrés Fraga
Imaxes do proxecto | 5 Street Museum