Pirusca: ilustracións alegres e femininas

Entre os múltiples postos do fantástico Reciclaxe 2011, atopamos a Pirusca, unha ilustradora á que xa lle seguíamos a pista e cuxo nome real é Natalia Rey.

As súas ilustracións de mozas en vespa, cupcakes ou mariquiñas, cun punto inocente e vintage, son desas que sempre che deixan cun sorriso na boca. Ela explica que lle gusta dar ese toque á vida, que xa sabemos todos que hai cousas serias e tristes, pero prefire centrarse no lado amable, inspirándose nos anuncios publicitarios dos 60 que mostraban unha imaxe da felicidade un tanto esaxerada, pero moi contaxiosa.

Todo comezou hai uns dous anos, cando decidiu crear un negocio propio baseado nas súas ilustracións. Natalia Rey, tras estudar Belas Artes en Pontevedra na especialidade de pintura, comezara a traballar nun sector relacionado e que ten -en principio- máis saída laboral: o deseño gráfico. Pero decidiu probar no mundo da ilustración e creou a marca Pirusca, que é o nome cariñoso co que a chama súa nai.

Así introduciuse no mundo do deseño de produtos: chapas, espelliños e debuxos enmarcados ao principio, ao que se lles sumaron hai pouco algunhas pequenas xoias como colgantes ou aneis, todo dentro do seu característico e doce estilo. Gustaríalle seguir ampliando con camisetas e bolsos en canto sexa viable. “O meu sono é poder vivir disto”.

Ademais, tamén ofrece a posibilidade de “pirusquizar” persoas. E que significa isto? Facer retratos. Só tes que enviarlle unha foto da persoa que queiras que debuxe, e, iso si, darlle toda a información posible sobre ela. “Eu comecei facéndoo para a xente que coñecía, e como tivo tanto éxito, pensei en propoñelo tamén para o público xeral, xa que pode ser un regalo orixinal para unha voda ou un cumpreanos…“.

Podemos mercar estes deliciosos produtos na tenda online da súa páxina web e en Etsy, e, no mundo real, na tenda O Gato Cósmico, de Santiago de Compostela, e Zarza, de Vigo.

Shares

    2 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *