Reciclaxe Churruca: cando Vigo gañou a Londres

Reciclaxe Churruca 2011“É como o mercado de Camden pero sen turistas”, dicía o sábado un dos 5.000 visitantes ao Reciclaxe Churruca mentres remexía nun dos postos de roupa. Non era a primeira vez que alguén facía esa comparación e non sería a última: o certo é que o sábado pasado os bares da zona de Churruca en Vigo tiñan un aspecto distinto e podían lembrar ao famoso mercado londinense. Pero como alguén que visitou Camden Town hai unha semana, deixádeme rebatir a comparación: o Reciclaxe Churruca é mellor. E podo argumentalo.

Camden impresiona na primeira visita, pero tras un percorrido algo exhaustivo é doado decatarse de que moitos dos postos están repetidos ou venden as mesmas cousas. No Reciclaxe Churruca participaron 120 postos, e todos eran diferentes: roupa de segunda man, vintage ou de marcas, moitos deseñadores coas súas creacións, pequenas marabillas de xoiería e complementos, libros e discos, e trastos varios. A mezcla sitúa ao mercadillo máis próximo a Berlín alternativo que ao Londres turístico.

Despois estaba o tema comida: a partir de algo antes das dúas, como estaba previsto, moitos dos bares empezaron a ofrecer a “sesión vermú”, con pratos para todos os gustos. En Camden, como sabedes, é posible comer case calquera cousa, pero non teñen empanada. No Reciclaxe si: empanada, tortilla, paella, fabada e ata a opción de menú vexetariano e celíaco, todo regado con sangría, cervexa ou sidra (si, xa creamos tendencia e observamos a algunha persoa coa nova bebida de moda). Os postres tamén estiveron á altura: desde as galletas e cupcakes de Mmmm!! Tartas de Bea (quen por certo acabou existencias), ata bizcochos ou brownies.

E na música tamén? Pode Vigo gañar a unha cidade na que para tocar no metro hai que facer un casting? Quizais non en xeral (tampouco hai que pasarse), pero na comparación Reciclaxe-Camden, Vigo gaña por goleada. Eu non lembro entrar en ningún dos postos de Camden Town e atopar algún grupo dando un concerto. No Reciclaxe Churruca, non obstante, deunos tempo entre compra e compra a ver a actuación de La Familia (somos moi fans!) e un ratiño de Clover (no medio do Mogambo, rodeados pola xente). Os concertos para levar convertían ao Reciclaxe Churruca nunha especie de festival, xa que era posible pasarse das 4 ás 9 vendo concertos.

En realidade máis, porque a festa continuou xa pola noite co festival Metamovida na sala Mondo, coas actuacións de grupos como os barceloneses Za!, Glazz ou Betunizer. Para os que aínda tiñan forzas, claro.

O único aspecto no que Camden gaña ao Reciclaxe é o da frecuencia: o mercado de Camden Town está todos os días, o Reciclaxe Churruca tan só ten lugar unha vez no ano. E esa era a outra frase que se repetía entre os visitantes ao evento. “Debería facerse algo así todas as semanas ou meses”. Apoiamos a petición.

Reciclaxe Churruca

A crónica non pode rematar sen falar dese gran momento no que un grupo duns 20 rapaces saíu da sala Playmovil baixo unha xouba xigante creada por eles e, ao ritmo das gaitas do grupo Os Carunchos percorreu as rúas da zona de Churruca deixando aos peatóns non enterados do que estaba a pasar bastante boquiabertos.

Vai a Camden Town cando queiras, pero hai uns días nos que Vigo ofrece algo mellor: a primeira fin de semana de setembro. O Reciclaxe Churruca 2011 xa pasou, pero xa está confirmada a edición 2012. Marca eses días en vermello na túa axenda!

Fotos | Disquecool

Shares

5 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *