LATÓNTA y la rubia xurdiu vai xa un ano con motivo do Reciclaxe 2010. Para esa ocasión, Núria Manzano e Ramón López decidiron xuntarse e crear unha colección de xoiería especial, relacionada co concepto de “re-utilización”.
Idearon entón unha serie de pezas (colares, aneis, broches, pendentes…) moi vistosas, cun aire romántico e vintage, que procedían de ornamentos antigos de mobiliario, e que recibían unha “nova vida” ao seren convertidas en xoias de deseño. O éxito foi abafante e o que naceu coma colección especial pasou a converterse nunha marca permanente.
Núria e Ramón teñen tamén os seus traballos de xoiería por separado, ela máis minimalista, el máis barroco. Procedentes de Lleida e Albacete respectivamente, coñecéronse de Sénecas na facultade de Belas Artes de Pontevedra e xa quedaron en Galicia. En LATÓNta y la rubia atopan un camiño común a través da recuperación (e transformación) de obxectos antigos e do traballo en latón (de aí latón-ta), dúas características definitorias do seu traballo en común.
O proceso de creación destas xoias comeza coa busca da materia prima en rastros, e a partir de aí, organizan o material esteticamente e idean as diferentes coleccións. “Para a nova colección que sairá agora, por exemplo, atopamos un montón de cristais de cores, de pomos e lámpadas“, explica Ramón. Tras organizar a materia prima, créanse unha serie de pezas de prototipo e a partir de aí xa poden comezar a traballar por separado .
Outra característica de LATONta y la rubia é que todo son pezas únicas: “coma o material que utilizamos é único, normalmente ao crealo tiramos tamén da improvisación: xogamos coa peza inicial, como recortala, como unila… porque o latón o aplicamos despois, montamos a peza sobre latón”.
E onde podemos atopar estas xoias? Polo momento, en catro tendas: Ela Diz en Santiago de Compostela, Suite e Mar de Cava en Barcelona, e OH MY GAT! en Terrassa. Ademais, é usual atopalos en mercadiños como por exemplo o que se facía en Vigo no Paseo de Alfonso XII. Aínda que non contan con tenda online, é posible pedir as pezas a través do email e velas na súa páxina web. “O maior problema que temos é que a xente nos pide xoias concretas, que viron na páxina, pero ao ser pezas únicas, non se pode facer outra exactamente igual, pódese facer similar. Agora si estamos comezando a reproducir as formas que atopamos, para conseguir uns moldes e repetir varias.”
En conclusión, xoias delicadas, femininas e moi orixinais (quen máis leva un tirador de armario feito broche?), perfectas para darlle un toque kitsch ao teu look.
Encántame!
E a min! En canto vaia a Santiago, xa me deixo caer por Ela Diz!