Saír cos rolos á rúa: estraña moda en Liverpool

Rolos en LiverpoolQue pasou, Liverpool? Polas túas rúas xogaron John, George, Paul e Ringo, houbo un tempo no que eras o lugar ao que todo o mundo miraba. De aí saíran The Beatles e a túa escena musical tiña ata nome propio, Merseybeat. E si, saber de música non implica necesariamente saber de moda, pero o que está a acontecer na cidade nos últimos anos é bastante arrepiante. As rapazas saen á rúa cos rolos postos. Repetimos, cos rolos postos. E non é un erro. É tendencia.

Non se trata de algo novo: a orixe da estraña moda pode atoparse xa en 2004, cando a modelo e estrela televisiva local Jennifer Ellison, daquela moza dun futbolista do Liverpool, saíu de compras coa cabeza chea de rolos enormes. A cousa non pasou de aí, pero en 2008 varias mozas e mulleres de futbolistas do equipo local decidiron recuperar a idea. E como boas trend-setters locais, fixeron que o de quedar na casa cando temos os rolos postos fose cosa do pasado.

A moda é difícil de aceptar (por non dicir imposible) e, de feito, malia levar xa varios anos enchendo as rúas de Liverpool, non parece que as rapazas doutras cidades estean a adoptar a curiosa tendencia, nin tan sequera na veciña Manchester; o que deixa bastante claro que non todo pode chegar a ser tendencia. É unha idea bastante tranquilizadora.

Pero como xustificar algo así? Que din as rapazas de Liverpool cando os recén chegados á cidade quedan pampos ante os seus exóticos peiteados? O certo é que a razón de fondo é puramente práctica: tan só por ter os rolos postos para prepararme para a noite teño que deixar de ir de compras? E para quen se pregunte a necesidade de poñer rolos para saír pola noite unha fin de semana calquera, tan só podemos insistir na idea clave de todo este fenómeno: Liverpool is different. Si, o normal é saír como se foses de voda. (Aínda que debo dicir que eu nunca fun a ningunha voda tan vestida e coa pel tan laranxa, algo que tamén se leva).

Rolos en Liverpool

Outra das razóns máis comentadas para saír da casa cos rolos postos é simplemente que é unha forma de deixar claro que temos plan para a noite e que ademais somos persoas moi valentes e cunha forte personalidade. De feito o fenómeno é xa defendido con orgullo polas mozas da cidade que o fan (non polas que non caeron na moda nin polos mozos, que non acaban de entender a necesidade de ser o faimerrir do país) como algo puramente liverpooliano.

O resto do país, mentres, mira atónito cara a capital do Merseyside e todas esas cabezas cheas de rolos. Non é unha esaxeración. Dúas disquerredactoras vírono cos seus propios ollos en varias ocasións hai cousa dun mes. Non puideron tirar fotos debido ao estado de shock no que entraban cada vez que se atopaban con algunha destas rapazas. Poderíamos ter volvido pensando que todo fora un soño. Pero non. É tendencia. Esperemos que nunca saia dos límites da cidade. Como atractivo turístico, iso si, seguro que funciona.

Fotos | Eric The Fish e Jenny Poole

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *