Guía dos sitios riquiños de Madrid

Madrid é un dos destinos favoritos para todo aquel que busca o ‘cool’. Agardamos que as nosas novas diarias teñan demostrado que pasar por Madrid non é obrigatorio cando se anda na procura de cousas xeniais, estilosas e hipermolonas. Se aínda así vos apetece baixar ata a capital, aquí tendes unha recopilación dos sitios máis riquiños da cidade.

Son pequenos, son bonitos e son moi agradables: os mellores lugares para desfrutar dun café, un zume de froitas ou un anaco de torta.

1. Happy Day Bakery Coffee. En Malasaña. Posiblemente sexa unha das primeiras cupcake store de Madrid. Agora están incriblemente de moda e non hai persoa á última que non se venda por unha desas madaleniñas cubertas de glaseados imaxinativos.

As de Happy Day están tremendamente deliciosas e saen polos dous euros unidade. Se levas unhas cantas, póñenas nunha caixiña preciosa. Poden tomarse in situ, aínda que hai que ter a sorte de cara para conseguilo. Teñen unicamente unha mesa e un éxito bastante envidiable. Como poderedes imaxinar, conseguir sentarse nesa mesa única e exclusiva ten bastante de milagre. En Espíritu Santo, 11.

2. Creperie La Rue. Algo ten a rúa do Espírito Santo que todo o que abre é mínimo. Creperie La Rue é tan pequena como Happy Day, aínda que polo menos ten máis mesas. Se non, sempre queda tamén o take away. Teñen crepes doces deliciosas (tamén salgadas, pero aínda non as probei), zumes, delicatessen francesas… E sobre todo, é precioso! O local é por dentro tal e como todo o mundo se imaxina unha rúa parisina. Moi oh! là là!, para que me entendades. Está en Espíritu Santo, 18. (E montárona os actores Silvia Rey, Paco León e Fele Martínez, aínda que eu diso non me enterei ata moito despois de ir).

3. Vailima. É un salón de té pequeniño e super chic, con taciñas de porcelana moi finas, as tortas expostas como en ‘antaño’ e coxíns polas cadeiras para dar sensación máis confortable (despois, cando te sentes, poderás comprobar que non veñen nada mal) Teñen produtos super apetitosos, macarons de varios tamaños e mesturan a idea de ofrecer onde tomar rico té cun surtido de repostería francesa. Algo estupendo (fala unha fan da repostería francesa). Na entrada teñen unha surtida teitaría, con té e outras cousas encantadoras para beber té e ser decadentemente estilosos. Están en General Pardiñas, 54

4.Living in London. Acaban de abrir unha delegación no barrio de Salamanca, pero o orixinal esta en Santa Engracia, 4. Do lado e dos tópicos galos, pasamos aos tópicos ingleses. Living in London é tal como te imaxinas que son os salóns de té londinienses, aínda que na capital inglesa xamais viches tal cousa. É encantador: con taciñas de porcelana antiga, con merendas que son unha pirámide de sándwichs ingleses, co azucre de tres tipos para botarlle ao té (tamén dan café, thank God!) e con cadeiras pequeniñas, mesas recoletas e papel de paredes. É un pouco caro, pero todo sabe tan inglés e é tan delicioso que merece a pena ir, só por imaxinar que estás a tomar a merenda coa raíña Vitoria. Na entrada teñen unha pequena tenda na que facerse con delicias inglesas, como tés, marmeladas e estrañas patacas fritidas de sabores audaces.

5. Beauty Bar. É a cafetería do Hotel Abalú, un deses hoteis boutiques que apostan polo concepto ‘fagamos o máis bonito que podamos facer’. No hotel teñen habitacións moi ben decoradas, polo que se pode ver nas fotos da súa web, e todas equipadas con produtos Apple, que xa se sabe que son o trendy na tecnoloxía. O concepto bonitiño é a base da súa identidade.

O Beauty Bar tamén tira por aí, con cadeiras tipo xardín vintage, debuxos modernos na parede e doces apetitosos en expositores retro.E todo cun toque decididamente girly. Moito rosa palo, un lixeiro aire a casa de bonecas e ata unhas madaleniñas en miniatura que serven para espetar os prezos dos produtos e que son do máis adorable.

Unha mestura entre o retro e o moderno. Con fórmulas para o almorzo interesantes. En Pez, 19

Fotos Happy Day | Living in London | Disquecool

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará