Moitas veces deixamos pasar os sinais. Series ambientadas nos 50 e 60 como ‘Mad Men’ ou ‘The Hour’. A moda inspirada nesas décadas (e un pouco tamén nos 40) que de súpeto enche tendas de roupa. O éxito de bandas como Kitty, Daisy & Lewis. Que os bailes daquela época se puxesen de moda era só cuestión de tempo, e xa ocorreu: de Londres a Nova Iorque, pasando por Estocolmo e Barcelona, a danza de moda é o swing. E hai toda unha comunidade ao seu redor.
Mihaiela non sabía nada de todo isto cando chegou a Londres hai xa máis dun ano ata que un día viu a unhas persoas bailando no medio do Broadway Market. “Quero aprender e bailar coma eles”, díxose. O resto foi fácil (un diría que ata axudado polo destino): “Fun a unha festa e ao día seguinte unínme ao seu grupo de Facebook”, conta. “Como fun o membro 500 do grupo, ofrecéronme unha clase gratuíta”. O resto é xa historia.
O certo é que o swing (con todos os seus sub-estilos, que ten moitos) é un movemento importante agora mesmo en Londres. “Poderías ir a clases ou a festas todos os días da semana”, asegura Mihaiela. Pero a moda non se queda tan só aí, e a España xa chegou hai tempo. O lugar no que sen dúbida hai un movemento maior é Barcelona, onde existe ata un festival a nivel europeo (o Barswingona), pero a moda empeza a extenderse tamén por outras zonas.
Unha das claves do éxito que está a ter o swing posiblemente sexa o feito de que non se trata tan só dun baile. Mihaiela conta que a ela lle gusta “o baile en si”, pero tamén “recrear aquela atmosfera, o vestido, os peiteados…”, e recomenda encarecidamente ir a algunha festa de swing na que a xente se viste coa roupa da época. “Xa non podo ir a clubs normais desde que descubrín isto”, recoñece.
Agora é cando chega a gran pregunta: é posible bailar swing en Galicia? hai clases de baile? hai festas? existe unha comunidade? A triste resposta, que esperemos que cambie co tempo, é que non. As poucas academias de baile que ofrecen clases de swing fano sempre de forma secundaria, é dicir, coma parte das clases de bailes de salón ou de jazz. Queremos crer que hai festas, pero supoñemos que son algo puntual (sexa o que sexa, non atopamos información en Internet). E se existe unha comunidade, intuímos que está algo dispersa…
Existe esperanza? Claro que si: mentres haxa demanda (e sabemos que existe), hai esperanza. E se outras modas como a da sidra (comprensible) ou a das fixies (incomprensible) xa teñen desembarcado en Galicia, algo como bailar swing non se nos debería resistir durante moito tempo. Eu, de momento, empezarei por chamar a algunhas academias a ver que me ofrecen. Seguro que nuns meses estamos todos indo a festas swing. Quizais debamos empezar a ver titoriais en YouTube…
Foto | Núria Aguadé
Eu estiven buscando o ano pasado e non atopei nada! Eu quero bailar swing!
Hola, tedes sorte, A Reixa e Raiña Productions montan un festival na Sala Capitol este outubro, dias 28 sep, 15 out e 29 de out. Onde habera moito swing. Máis información en http://www.facebook.com/pages/Outono-Capitol-Rock-Festival/260145843997787
Apuntado na axenda! :)