Libros ao peso no Mercado de la Tía Ni

Libros e libros enchendo múltiples estancias (incluíndo cociña e baños), instrumentos musicais ao carón dun relaxante balcón, obxectos antigos a medio arranxar, obras de xoves artistas expostas aquí e acolá, e ata a sede dunha editorial: Nigratrea. Ao Mercado de la tía Ni non lle falta nada.

Estamos en Sabarís, no número 36 da rúa Julián Valverde, fronte a unha espazosa casa de dúas plantas. Sobre a porta, acóllenos o debuxo dun mouri (antigos habitantes dos castros da costa)  realizado por Pedro Sardiña e que fai referencia ao antigo mercadillo que tiña a tía Ni (Nieves Loperena) en Gaxate, onde tamén había mouris, naquel caso, gaxanitos. Alí estivo 3 anos vendendo libros ao peso e diversas curiosidades, ata que este 25 de xuño trasladouse a Sabarís, onde montou o Mercado de la tía Ni xunto a Fabiola Martínez.

Aquí, podemos atopar libros distribuídos por diversas estancias (e tamén algúns discos), moitos dos cales véndense ao peso. Na sala principal hai libros de ficción narrativa e poesía; moi cerca, literatura infantil; nunha sala decorada con imaxes naturais, libros sobre viaxes e natureza; na cociña, libros sobre gastronomía e no baño, temática erótica rodeada de un camisón suxerinte e unhas esposas, “teño que poñer máis decoración para darlle máis ambientación“, dí Nieves ríndose.

Tras unha porta pechada escóndese o Hospital de la tía Ni, que é un hospital para cousas, onde se restauran todo tipo de obxectos antigos. “Temos un encadernador, un luthier, un especialista en imaxinería, e dependendo do tipo de obxecto e do diagnóstico, facemos o tratamento pertinente”. Eses tratamentos divídense en “Primeiros auxilios” (para que algo volva a funcionar), “intervención” ( a máns dun restaurador) e “Cambio de look” (unha peza que tiña un uso determinado aprovéitase para facer algo diferente).

Esa filosofía do cambio de look , de “reciclar” obxectos a atopamos tamén na decoración da casa, onde unha antiga base da cama serve como mostrador e os libros apoiánse sobre unha mesa feita a partir dun palé. Ademais, contan coa sala “Reciclarte”, onde se expoñen pezas feitas a partir de cousas recicladas, como os robots de Eugenio de la Iglesia, feitos por exemplo, cun ferro de pasar ou unha cafeteira.

Polas diversas salas podemos ver obras de diversos artistas. “O que queremos é dar un espazo aos artistas, para que poidan mostrar a súa obra, o único que pedimos é que sexan artistas profesionais ou que planeen selo, non afeccionados. E despois poden vender máis ou menos, pero como mínimo que se lles coñeza”.

O Mercado de la tía Ni ademais, organiza cursos de tai-chi, reiki, clases de debuxos para nenos da man de Claudio Maxeiro, faladoiros e están sempre abertos a novas suxestións. Pero o que realmente destaca deste lugar é a atmosfera, vibrante e acolledora. Non estraña que a casa sempre  se atope día si e día tamén chea de xente e te sintas alí coma nunha reunión con amigos. Tampouco estraña que o libro de visitas estea cheo de mensaxes entusiastas. “A xente nos deixa unhas frases moi bonitas” explica Nieves, “ata nos escriben poemas!”

Podes (e debes) visitar o Mercado de la Tía Ni, de mércores a domingo, de 11 a 14 h e de 17 a 22 h (ata ás 21h nos meses de inverno).

Fotos | Disquecool, ©Archivo Tia Ni

 

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *