Showroom Onyvá: 14 creativos e un hotel de Santiago

“Non fai falta visitar una gran superficie para gozar dun día de compras, nin saír de Santiago para atoparte cunha proposta cosmopolita ao máis puro estilo do mercado de Candem londiniense”. Isto é o que pensan os organizadores do Showroom Onyvá, un evento que este sábado 8 de decembro converterá o Hotel Boutique Moure da capital galega nun espazo de exhibición para iniciativas de ámbitos tan diversos como o gastronómico, a ilustración e a restauración de mobiliario.

A iniciativa desenvolverase de 11.00 a 21.30 horas. Para comezar a xornada con enerxía, os organizadores do primeiro Showroom Onyvá propoñen quentar motores cun almorzo, para máis tarde (12.00 a 16.00 horas) dar paso a un copioso brunch, aderezado coa proposta musical de DJ Mike Key.

As distintas estancias do hotel acollerán as creacións e produtos dun total de 14 pequenos empresarios e amateurs. Entre eles, o coñecido caricaturista Gogue, e as ilustradoras Nuria Díaz e Pirusca. Os complementos virán da man da creadora Eva Rieiro, dos artistas Isabel e Fernando de Defectos Espaciales, de Marga Cortés e os seus tocados, e da tenda compostelá Quenlla. Tamén poderemos atopar no Showroom os bonecos de trapo de BéTuLä e os produtos delicatessen de LaSal Gourmet. A restauración de mobles tamén terá cabida coa presenza de UnDo ReDo, RetoqueRetro e Tres Tristes Trastos.

A partir das 16.30 horas os máis pequenos serán os protagonistas, cun obradoiro de sándwichs. Desde as 19.00 horas os asistentes poderán relaxarse nun after work con ceas lixeiras e cócteles.

Detrás desta iniciativa atópase a grovense Grace Castro, impulsora de Onyvá Gastronomic, que desde 2011 ofrece almorzos a domicilio, picnics, tardes de té, noites románticas, obradoiros creativos e catering para todo tipo de eventos. A iniciativa, segundo afirman en nota de prensa, pretende ser “unha experiencia optimista e creativa, na que a gastronomía e a presentación xogan dous papeis fundamentais e inseparables”. “Queremos conseguir que os detalles aparentemente máis sinxelos acaben converténdose en algo moi especial e sorprendente, e por iso nos gusta considerarnos intermediarios de momentos bonitos”.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *