Top 10 do 2012: tendencias

Xa temos falado dos mellores libros, películas, anuncios e música do ano. E que pasa coas tendencias ‘en xeral’? Que pasa coas novas tribos urbanas, os novos hábitos e as novidades que tocan múltiples ámbitos. Porque somos un medio de tendencias, non podía faltar en Disquecool o top 10 que aglutina as mellores tendencias acontecidas en 2012. Velaquí van:

10. Tipografía optimista nun contexto de crise. Hai un mes contámoscho: resulta que nesta contorna de dificultades e desilusión as mensaxes optimistas comezaron a inundalo todo vestidas de cores brillantes nunha mestura de fermosas tipografías. A ‘tipografía optimista’ encheu en 2012 os muros de Facebook, as bolsas das tendas de roupa, os pósters decorativos e as cuncas do almorzo. Algunhas das frases rozan a cursilería, outras a superan amplamente, pero non todo van ser malas noticias. Non está de máis pór algo de optimismo nas nosas vidas. Esta redactora xa foi agasallada cun calendario que promete: ‘2013 vai ser moi molón’. Ogallá que así sexa!

Tipografía  optimista

9. As cores que dominaron pasarelas e revistas de decoración: fluor, pastel e Tangerine Tango. O Tangerine Tango foi nomeado por Pantone cor do 2012 e as pasarelas enchéronse de laranxa. Pero outras tonalidades reinaron tamén no ano que rematamos. Puidemos ver fluor por doquier: roupa, decoración, proxectos DIY e obxectos de deseño. Fucsia, amarelo, verde, laranxa… diferentes cores, pero todas ben fluor. Para contrastar, as tonalidades pastel chegaron na primavera-véran en forma de rosas, azuis, amarelos, coral e verde menta, traéndonos con elas reminiscencias dos anos 50 e aires naif.

8. Novas tribos urbanas: hipsters, yipsters e New Traditionals. Grazas á ferramenta Chronicle de The New York Times puidemos coñecer en que momento os yuppies deixaron de ser actualidade para ser comidos polos agora omnipresentes hipsters. Os yuppies son cousa dos 80 e principios dos 90, despois comezan a caer. Os hipster van medrando paseniño desde mediados dos 80, acadando un pico en 2005 e manténdose ben alto desde entón. Pero outras tribos urbanas foron aparecendo a partir desa data: os yipsters, unha especie de híbrido entre os hipster e yuppies, e os New Traditionals, cativados polos bigotes, os traxes de tweed e as casas vitorianas. Seguen en pleno auxe as malenis (amantes dos cupcakes, as cousas riquiñas, os cervos, Belle & Sebastian, as vodas orixinais, o vintage, pinterest e os gatos) e as tribos do crochet.

7. Os bigotes o inundaron todo este ano (camisetas, xoias, calendarios, coxíns, chupetes, cupcakes…), tanto que chegamos a experimentar unha sorte de empacho de moustache. Pero un serio rival estalle a pisar xa os talóns: a barba é o novo bigote.

6. Novos espazos para novos creadores: o auxe dos mercados e os showroom. Ti tamén o notaches? Non hai cada vez máis mercados por todas partes? E cando digo mercados non me refiro ao senso tradicional do termo: falo de espazos para novos deseñadores que ademais son festas gastronómicas e culturais, refírome tamén a showrooms en hoteis e outros espazos singulares, e a tendas efémeras ou Pop-Up Stores nas que dar a coñecer os produtos dunha marca. Diferentes fórmulas en diferentes envoltorios que comparten un mesmo obxectivo: ofrecer novas vías de comercialización e exhibición para novos creadores e permitir ás marcas achegar ao público os seus produtos sen necesidade de contar cun establecemento físico permanente. E todo isto, en espazos lúdicos e innovadores. Unha tendencia da que en Disquecool nos alegramos.

xerez

5. Bebidas cool: xerez e café como nunca ante o tomaras. O gin tonic seguiu a ser a bebida estrela nas noites de 2012, pero outros novos beberaxes entran no panorama trendy. Temos por unha parte unha moda procedente das illas británicas da que a serie Downton Abbey é culpable: o xerez. A avoa máis cool, Maggie Smith, e o traballo de chefs do país como o coñecido Jamie Oliver teñen moito que ver no incremento das vendas deste viño no Reino Unido.

A segunda bebida en auxe chéganos do outro lado do Atlántico, dos Estados Unidos. Trátase do café feito en auga fría, e os seus defensores din que é menos ácido, máis concentrado e cun sabor algo máis suave que o normal. Ademais véndense como sustentables, ecolóxicos e de calidade. Que máis se pode pedir?

4. O despegue das bicicletas na cidade. Podes pensar que en Disquecool estamos un pouco obsesionadas e obsesionados coas bicicletas, e tes razón, pero tamén é certo que ben o merecen, porque este medio de transporte é cool, e cada día máis xente o pensa. Mentres que en 2011 nos admiramos por ver unha fixie en Vigo, este ano xa podemos dicir que hai moitos máis valentes que soben a unha en diferentes cidades galegas, e ata tendas especializadas.

Por outro lado, o uso da bicicleta como medio de transporte está moi lonxe de acadar os niveis europeos, pero parece que a cultura vai calando pouco a pouco. Quizais por conciencia ecolóxica, quizais simplemente por aforrar, o certo é que comezan timidamente a verse máis bicis polas rúas galegas, unha tendencia que esperamos vaia a máis. Unha iniciativa curiosa da que vos falamos este ano é Bicipostal, a primeira mensaxería ecolóxica de Galicia, que utiliza este vehículo para realizar as súas entregas.

mytasteinbikes.tumblr.com

3. O triunfo do DIY… Sexa por cuestións económicas ou pola simple necesidade de atopar hobbies que nos permitan desconectar de tanta tecnoloxía e traballar coas nosas mans, o certo é que o Do It Yourself (ou Faino ti mesmo) é unha tendencia que non deixa de medrar. Os labores relacionadas coa la (crochet, amigurimi, calceta…), o papel (origami) e a madeira, así como a xardinería, a repostería, a moda ou a creación de complementos experimentaron un boom e ao redor deles aparecen tendas especializadas, obradoiros e colectivos que quedan periodicamente para practicar conxuntamente as súas afeccións.

2. …e da reciclaxe, Da man da tendencia anterior vén a popularización de materiais reciclados para a decoración, a moda ou mesmo a xardinería. As tendas de segunda gañan en popularidade, e o uso de materiais reciclados -como por exemplo os palés e o cartón– na construción de mobles está en auxe. Así que xa sabes, á hora de desenvolver os teus proxectos DIY, recicla!

1. Novas formas de street art. En xaneiro os bombardeiros de fío Yarnboming A Coruña vestiron de cores o guerreiro romano da Domus, levando á cidade herculina o movemento Urban Knitting, unha guerrilla artística que cobre o mobiliario urbano con pezas de tecido realizadas en ganchillo ou calceta. En 2012 tamén che falamos doutras formas de arte urbana ben curiosas que aínda non vimos por estes lares pero esperamos poidan importarse tamén. Así, descubrimos que o origami tamén pode utilizarse para pintar fermosas mensaxes en muros e paredes e que o musgo serve para facer graffitis. Por se fora pouco, un novo movemento riquiño enche as cidades: trátase do eyebombing, o bombardeo con ollos, e consiste en encher de ollos o mundo para facernos sorrir.

 Fotos | MrWonderfull, MyTasteInBikes

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *