Switcheroo: a última moda entre parellas de hipsters

Fotografía, roupa, Internet. Como bo hipster seguro que estes tres elementos teñen unha importancia vital na túa vida (!). Xa os tes unido co teu amor por Instagram ou con ese desexo oculto de querer iniciar unha nova etapa como outfitter, pero, admíteo, a última opción non é compatible coa actitude irónica e superior que queres manter e a primeira, maldita sexa, é xa noxentamente mainstream.

Como sempre, aquí está Disquecool para axudar ao hipster en apuros. Unha nova tendencia empeza a pegar forte en Internet (pero aínda non tan forte como para que teñas que fuxir dela). Tes parella? (tamén vale coller a un amigo do sexo oposto -a ser posible -por banda). Perfecto. Xa podes empezar a practicar o Switcheroo!

Que a túa imaxinación non empece a traballar dirixíndose a terreos sexuais (con fotografía, moda e Internet polo medio!), practicando o Switcheroo terás que quitar a roupa, si, pero cun obxectivo moi distinto: darlla á túa parella e poñerte ti a súa.

A idea é da fotógrafa Hana Pesut, que leva un par de anos percorrendo o mundo e fotografando a parellas primeiro normal e despois coas prendas cambiadas, pero por suposto hipsters de todo o mundo xa están a facelo sen a intervención de Pesut. Os resultados son en moitos casos hilarantes (e noutros deixan claro iso de que cos anos as parellas acaban parecéndose o un ao outro). Estes son algúns dos nosos favoritos:

Fotos | Hana Pesut

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *