Decembro é para os mercados de Nadal

Mercado da estrelaGuste ou non o Nadal xa está, case case, aquí. Podes pensar que, ei, aínda falta un mes, pero iso é se non saes a rúa, se non pos a tele, se non mercas comida no supermercado. En todo caso, non debe medrar o pánico, o Nadal trae consigo cousas ben boas: o turrón, os amigos que volven só por Nadal, os regalos de Reis e sobre todo…os mercados de Nadal onde gastar cartos sen sentirnos culpables porque é o que toca.  Pero a pesares de que moitos temos nas nosas retinas imaxes pintorescas de prazas centroeuropeas con postos en casiñas de madeira e viño quente nas mans, aquí no trópico os mercados de Nadal non acaban de callar.

Quizais estea a xurdir algo mellor, porque en Santiago de Compostela están a organizar un mercado de Nadal que ten pinta de ser moi moi cool. É o mercado da Estrela, que terá lugar os días 15 e 16 de decembro no CGAC, e onde poderemos atopar moda, complementos, cerámica, ilustración, fotografía, ou repostería realizada por novos creadores galegos (por exemplo, Nuria Diaz coas súas ilustracións para soñar,Verónica Moar coas súas pezas de cerámica ou Irene López Carro coas súas fotos alegres). Un bo xeito de facer agasallos creativos dos que nos gustan en Disquecool! Ademais, o mercado tamén contará con talleres creativos, actuacións musicais, teatro e actividades para os pequenos.

Para os que andedes por Vigo tamén hai opcións interesantes. O  mercado do Soho-zona centro, que ten lugar nas rúas de arredor do Progreso o primeiro sábado de cada mes estará adicado nesta ocasión (este sábado 1 de decembro) ao Nadal. Se sempre paga a pena pasar polos postos das tendas (e sobre todos dos creadores independentes) para atopar regalos diferentes e de paso estimular un pouco o comercio local, este sábado con máis motivo (pero que iso non vos impida achegarvos despois ata o Culturgal, que vos estaremos esperando). Ademais, en Vigo é tamén tradicional a feira de artesanía Ofeitoamán, cun envoltorio moito menos moderno, pero onde se poden atopar cousas moi interesantes en coiro, cerámica ou prata. Terá lugar na terraza do Centro Comercial A Laxe entre o 20 de decembro e o 5 de xaneiro.

E para os que busquedes mercados máis tradicionais, en Coruña, Ribadeo e Neda (e probablemente en moitas outras vilas) haberá mercados de Nadal con decoración para a casa e tamén con (posibles) compras de regalos. Para empaparnos do espírito do Nadal, queiramos ou non!

Shares

    3 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *