Cando mataron os hipsters aos yuppies?

Lembras cal foi a primeira vez que escoitaches ou liches a palabra “hipster”? Eu si: foi alá polo ano 2001. Acababa de mercar ‘Fold Your Hands Child, You Walk Like a Peasant’ de Belle and Sebastian e dispúxenme a ler as marabillosas historias que Stuart Murdoch incluía sempre no libreto. E Stuart falaba dun lugar en Glasgow ao que ían todos os hipsters. Busquei a palabra no dicionario. Non existía. Internet tampouco soubo darme moita máis resposta. Non foi ata 2005 cando a palabra hipster acadou o seu punto máximo. Polo menos en The New York Times.

Todo isto para contar que no diario neoiorquino teñen desde hai uns días un novo xoguete que seguro que ten a todos os xornalistas empregados adicados á procrastinación: trátase de Chronicle, unha ferramenta (interna, maldita sexa) coa que ver en gráficos como ten ido evolucionando o uso das palabras no xornal. Ti introduces unha palabra, e tes un gráfico. E podes tamén comparar dous termos para entender mellor como evolucionou o uso da linguaxe, como se relaciona cos acontecementos, coa política, co simple paso dos anos.

Aínda que a ferramenta é para uso interno, desde The New York Times deron algúns exemplos de termos que buscaron en Chronicle. E un dos seus redactores propúxose descubrir en que momento os yuppies deixaron de ser actualidade para ser comidos polos agora omnipresentes hipsters. Os yuppies son cousa dos 80 e principios dos 90, despois iniciaron a súa caída. Os hipsters foron crecendo pouquiño a pouquiño desde mediados dos 80, alcanzando un pico en 2005 e manténdose ben alto desde entón.

Outras buscas (se cadra máis interesantes, pero nós imos ao que imos) son as de palabras como “bailout” (rescate), “climate change” (cambio climático) ou “health care” (asistencia sanitaria).

O máis frustrante de todo isto é o de non poder acceder á ferramenta e buscar palabras nós mesmos (para que nos falades de Chronicle se non o podemos probar?). Habería tantas cousas que buscar! A evolución de termos como gin-tonic, MySpace vs Facebook, cando apareceu Lena Dunham e cando os yipsters (unha nova tribo social saída da mestura de hipsters e yuppies), Obama vs Osama… tanto!

Mentres non abren Chronicle (non dixeron nada de que o vaian a abrir, pero a esperanza é o último que se perde) podemos entreternos co Ngram Viewer de Google (algo parecido a Chronicle, pero con Google Books -moi interesante: hai libros sobre hipsters desde 1950, dos yuppies non se fala ata os 80!) e desexar que algún xornal destes lares decida facer algo similar, esta vez en aberto.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *