Girls, unha vida adulta na que os pais che pagan o móbil

Hannah, de Girls HBO

“Non tes unha vida de adulta se os teus pais che pagan a BlackBerry”. É unha das series máis agardadas da tempada, ‘Girls’, a nova aposta da televisión estadounidense HBO sobre o universo feminino. Catro amigas que comparten vida e confidencias en Nova York. Unha nova reedición de ‘Sexo na cidade’? En realidade é unha historia de “rapazas que creceron vendo ‘Sexo na cidade‘” pero cunha visión completamente diferente do que esa serie ofrecía. A frase coa que se abre esta crónica non é máis que a crítica que un ocasional personaxe verte sobre unha das protagonistas, a seria e fría Marnie.

‘Girls’ está protagonizada por catro rapazas de menos de 25. Unha aínda está na universidade (é a curmá inútil, cun nome que deixa claro que se pode agardar dela: Shoshana) pero as demais están empezando o camiño á vida adulta. A protagonista, Hannah, descubre con horror que os seus pais lle cortan todo suministro de fondos no primeiro capítulo, aínda que ela lles lembra que “viven na peor recesión económica da historia” e que querendo ser escritora pouco máis ten para facer que agardar que a manteñan. Os pais queren ser libres dunha vez dunha filla á que teñen que seguir provendo dous anos despois de acabar a universidade e Hannah non ten máis remedio que deixar as súas prácticas non remuneradas (pensabades se cadra que iso non se estilaba nos Estados Unidos?) e buscar un traballo. Carne de canón para converterse nunha das de Occupy Wall Street? En realidade non. Hannah non ten nada de activista porque en realidade é como o todo (ou case todo…) o mundo, con pouca materia para ser heroína, colgada por un tío que é unha auténtica vasoira e co seu Mac e o seu iPhone a costas. As súas dúas amigas restantes son Marnie, a compañeira de piso e mellor amiga atrapada nunha relación cun tío encantador que a satura, e Jessa, a exótica amiga aventureira e fascinante que recala en Nova York para non pagar aluguer na casa da súa curmá Shoshana e que tampouco é tan glamurosa como semella.

A Hannah escritora deféndese no primeiro capítulo sinalando que vai escribir o retrato da súa xeración. A escritora que está detrás de Hannah, que é a mesma que lle dá vida, a un pouco de todo Lena Dunham, non está a facer un retrato xeracional completo (non vos asustedes se só sodes un pouco máis vellos que os personaxes pero non vos identificades en absoluto ou por completo con eles…) pero si un achegamento bastante sincero. Dunham está detrás do guión (e da dirección nos tres primeiros capítulos, moito mellores que o cuarto) e fai unha versión máis realista das relacións de amigas, da procura dun lugar no mundo e dos medos e temores que todos podemos ter do que fan outras series. Por exemplo, ‘Sexo na cidade’ construíu unha imaxe artificial do mundo da amizade, con catro amigas inseparables que sempre tiñan un momento para elas, que sempre estaban xuntas e que sempre deixaban todo para estar unhas coas outras. Alguén ten unha relación de amizade semellante? Tal intensidade é imposible de manter, aínda que só sexa porque comer cada mes nos obriga a adicar horas ao traballo.

A serie chegou bendecida polo novo tsar da comedia made in EEUU, Jude Apatow, pero tamén por todo canto blog moderno/culto/post-o-que-sexa de Manhatan (e a parte guay de Brooklyn, claro) que lle deron a pátina ‘podemos-consumila-porque-non-é-mainstream’. O resultado final é diferente, media hora por capítulo cunha aposta distinta na que paga a pena perder o tempo.

Fotos | Girls HBO (perfil oficial no Facebook)

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *