Vídeos para a fin de semana: vídeos online premiados nos Webby

Esta semana anunciáronse os gañadores deste ano dos Webby Awards, os premios que recoñecen iniciativas artísticas, publicidade, e webs e apps en xeral que habitan a rede. Nós levamos varios días perdidos entre todos os vídeos que foron seleccionados para os distintos premios da categoría de Vídeos e Filmes Online e cremos que vós merecedes tamén perdervos neles. Ademais esta fin de semana parece que non están as cousas como para saír á rúa…

– ‘Address Is Approximate’, por The Theory. O gañador da categoría de Animación este ano, unha pequena beleza que ben podería ser un anuncio de Google: un boneco de escritorio cobra vida pola noite e cumpre os seus soños de viaxar lonxe e ver o mundo gracias a Street View e a enorme pantalla do iMac.

– ‘Plot Device’, de Seth Worley. Un corto que fará felices a todos os lectores cinéfilos (e ao resto tamén, vaia). Un guionista compra en Amazon un estraño dispositivo, o Plot Device (“dispositivo de argumento”) que provoca que viaxe por distintos xéneros de películas (desde zombis ata amor indie). En cal quedará? Gañou o premio á mellor montaxe.

– ‘Siri Argument’, de CollegeHumor. O asistente virtual do iPhone 4S, Siri, está a dar grandes momentos no mundo do humor. Neste vídeo a pobre Siri ten que mediar nunha discusión dunha parella, pasándoo moi mal, intentando arranxar as cousas e chegando ata a preguntarse se é todo culpa súa. O sketch, cunha estética moi anuncio de Apple, gañou o premio á mellor peza de comedia.

– ‘The Man Without a Facebook’, de Delstumpfzo. Este vídeo competía co de Siri na mesma categoría e quedou sen premio, pero nós non queremos que pase desapercibido. Que é? Un tráiler (falso, claro) dun filme que non existe chamado ‘O home sen Facebook’. Os cinéfilos recoñecerán os paralelismos co filme de Mel Gibson ‘O home sen rostro’: os diálogos, a música… Paga a pena comparar ambos tráilers! (O orixinal podedes velo aquí).

– ‘Gulp’, de Aardman Animations. Outro vídeo que quedou sen premio (competía na categoría de animación) pero do que somos moi fans: trátase do stop-motion co set máis grande do mundo. Foi filmado cun Nokia N8 (a firma finesa quería demostrar o boa que é a cámara do teléfono) nunha extensión total de máis de 1000 metros cadrados.

– ‘I Hope This Gets To You’, de 72andSunny. Gañador na categoría de vídeos virais, con historia de amor detrás: a moza do creador marchou a estudar a outra cidade, así que el e uns amigos escribiron a canción e fixeron o vídeo. Un vídeo no que só hai mans pero no que non é necesario nada máis.

– ‘From Perú for Peru’, de Y&R Perú. Unha especie de equivalente aos Vivamos como galegos de Gadis, pero á peruana. Trátase dunha acción de marketing fantástica levada a cabo para mellorar a marca de Perú na que un autobús con distintas personalidades do país viaxa ata Peru, unha vila perdida en Nebraska, para explicarlles a que cousas teñen dereito como peruanos: levan comida e bebida, bailes, música e ata surf. O resultado do contraste entre culturas é simplemente fascinante. Son 15 minutos, pero paga moito moito a pena. Gañou na categoría de viaxes e aventura, tanto o premio do xurado coma o do público.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *