Vídeos para a fin de semana: luaradas!

Xa sabedes que todas as cousas volven e que todas aquelas que crean dúbidas sobre a súa estilosidade acaban sendo cool. Pasou con plástico (ata os grandes deseñadores o están subindo outra vez ás pasarelas), co papel pintado e con tantas cousas. Será algún día o insigne programa da TVG ‘Luar’ a quinta esencia do que mola? Acabará por converterse ‘Luar’ para a tele no que as Lomo ás fotos? Xosé Ramón Gayoso, o seu presentador, foi dobrado ao castelán nunha penosa versión dunha televisión local madrileña, ten entrada ata na Frikipedia e protagonizou algúns dos momentos históricos do histórico programa que presenta. O que se di madeira para ser un ídolo de masas posmoderno.

-A morte de El Fary. Gayoso tiña unha primicia mundial. O primeiro artista que cantou o ‘Apaga o Candil’ acababa de falecer, aínda que ninguén o sabía. Epic fail. El Fary estaba enfermo, pero non acababa de falecer e Gayoso acabou por converterse nunha macroestrela mundial pola súa metedura de pata.

Danza Kuduro. O efecto que este vídeo tivo en Twitter foi de alcance. No timeline de Disquecool practicamente non había quen comentase con impacto que Gayoso fixera de Don Omar nesta revisión – estraña – de Danza Kuduro. O orixinal, por se queredes facer unha comparación.

– Gayoso, ás doce da noite. Esta chamada pasará a antoloxía dos momentos míticos da Televisión de Galicia. Un espectador reacciona indignado á chamada de Gayoso e dille que se retire (e outras bonitas lindezas)

Gayoso outra vez en problemas. A chamada anterior (con Carmen Flores como folklórica de pufo – por que recorren ao flamenco se en Galicia nin vai nin vén? – de testemuña )non é o único momento bochorno que un telespectador lle fixo pasar a Gayoso. “Vai rascar o carallo” e “tanto Luar, tanta coña marinera” son as frases claves deste momento.

-Fan fatal de Boney M. Esta actuación xa entrou nos anais da historia televisiva galega e todos lembramos tela visto en directo na televisión (aínda que é moi probable que non fose así). Unha fan fatal de Boney M sube ao escenario e acosa ao cantante.

– Máis Boney M. Ao cantante de Boney M deberían enterralo no Panteón dos Galegos Ilustres, porque é unha parte case indisoluble de cultura galega. Terá a TVG un ratio de actuacións de Boney M na historia da emisora fronte a outros cantantes vintage (ou pasados, para que negalo) que exhumaron ao longo da súa historia que supere calquera record mundial? Puxo Boney M unha tarifa plana tipo ADSL 20 megas da operadora de turno? Tiña o grupo un piso alugado en Touro porque xa lles compensaba?

Nunca Máis no Luar. É un dos mellores momentos, segundo Gayoso, da historia do programa e tamén un compendio de todo o que Galicia pode chegar a ser. Manifestantes que teñen que tomar ao asalto un programa de varietés e momentos de estupor por todas partes. Gayoso flipa co que lle acaban de montar. Os manifestantes flipan aínda máis cando Gayoso lles deixa falar “con educación”.

Foto | Facebook Cantareiras de Ardebullo

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará