“Unha edición máis atractiva, máis galega e con maiores conexións entre música e audiovisual”. Isto prometen os organizadores do Festival de Cans, que celebrará do 23 ao 26 de maio a súa IX edición en Cans (O Porriño). O encontro presentouse esta mañá no Bar Fortes, onde detallaron a programación deste evento, que inclúe curtas, longametraxes, xéneros novos e máis de 20 actuacións musicais.
Este ano presentaranse 18 curtas a concurso, 12 de ficción e 6 de animación. Ademais, como novidade exploraranse novos xéneros como a curta documental, cine mudo ou series web. Tamén se inaugura a sección Galegos no espazo exterior, co obxectivo de mostrar o traballo dos profesionais galegos que fan curtas fóra. Outros dos puntos fortes serán a estrea da última longa de Héctor Carré, ‘Personal Movie’, a proxección de secuencias inéditas das multipremiadas ‘Tralas luces’ e ‘Arrugas’, e o adianto de imaxes de pelis galegas en produción.
No eido musical, este ano exploraranse as conexións entre música e audiovisual, con grupos de película, documentais musicais, videoclips, ou cinema mudo con música en directo. Celebraranse ademais máis de 20 actuacións musicais de todos os estilos, entre as que destacan Xoel López, Banda Crebinsky e O Sonoro Maxín. O mítico grupo Aerolíneas Federales súmase á programación musical, e desde o festival celebran a súa volta coa proxección de documentais sobre a movida dos 80 en Vigo. O encontro complétase co Cans Voulevar, con concertos e mercado de artesanía na estrada de Cans.
Os Coloquios na Leira e Arredores -encontros dos directores co público-, contarán coa participación de Isabel Coixet, Antón Reixa, Sandra Sánchez e Ángel de la Cruz. Deixarán a súa pegada no Torreiro das Estrelas Isabel Coixet, Morris, Chete Lera, Celso Bugallo e Mabel Rivera.
Máis información sobre o programa e as entradas na web do festival.