Sombras tenebrosas: vampiro de cartón pedra

Dark Shadows

Un vai ver unha película de Tim Burton sabendo o que busca: esas paisaxes fantasmagóricas, esas personaxes estrambóticas pero entrañables, ese terror infantil de sangue e nocturnidade… pero cada vez menos esa emoción que nos percorría ante filmes coma ‘Eduardo Mans-de-tesoiras’ ou ‘Sleepy Hollow’.

Sabido iso, escoitar como todo o mundo se decepcionaba coa súa última película, ‘Sombras Tenebrosas’, non facía máis que presaxiar algo moi terrible. Aburrida. Inconsistente. Unha bazofia. Tiven a sorte de acudir ao cine con eses epítetos nas miñas orellas e esperando, polo tanto, o peor filme da historia. E non o é.

‘Sombras tenebrosas’ cóntanos -tras a serie de televisión homónima dos anos 70- a triste historia de Barnabas Collins (Johnny Deep). Os Collins son unha exitosa familia de pioneiros en América que leva nas súas costas unha maldición. Barnabas, para máis inri, é enfeitizado por unha meiga -á que rexeitou sentimentalmente-, convertido en vampiro, e enterrado vivo nun ataúde alá por 1770. Dous séculos despois  o seu ataúde é atopado por erro, aberto, e el volve vivir con descendentes dos Collins no tempo dos hippies e do rock and roll.

O argumento, que si ten miga – o contraste cronolóxico sumado ao contraste entre o mundo das sombras e o real-, non é sen embargo aproveitado en todo o seu esplendor. Por suposto, atopamos a fantástica estética de Burton, coas súas néboas, a súa frialdade saturada, o seu ton gótico-onírico. Atopamos o seu bo facer técnico con planos eficaces e ben construídos. Atopamos unha boa banda sonora que leva a nosa alma polos derroteros que quere levala.

Pero non achamos (ou só por momentos) o sutil humor de Burton, que acaba caendo ás veces nunha pantomima na que non somos quen de recoñecelo. E sobre todo, non achamos a humanidade que destilaba de cada un dos seus monstros e de cada unha das súas personaxes, e que os facía verosímiles, comprensibles, tenros e queribles. A distancia se interpón entre nós e o principal protagonista: Barnabas. Nin rimos, nin choramos nin sentimos con el, que se nos antolla un vampiro de cartón pedra, personaxe plana onde as haxa. E é que ‘Sombras Tenebrosas’ é un filme sen alma. Bonito, pero baleiro.

As personaxes máis secundarias emerxen así coma parte da salsa do filme, pois eles si teñen unha función que cumpren á perfección. Barnabas, sen embargo, resulta un quero e non podo, por non falar da súa amada, que podería desaparecer do filme e tardariamos en decatarnos (e non, non é só porque faga de coitadiña). A personaxe interpretada por Helena Bonham-Carter, a psiquiatra da familia Collins, resulta directamente prescindible.

En conclusión: non é un filme bo, pero tampouco tan malo. Entretén -a pesares de evidentes problemas de ritmo-, ten algunhas bromas decentes e visualmente é plenamente gozable.  Iso si, un non poderá evitar botar en falta os sempre mellores vellos tempos.

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *