Cans: pedazos de agro-glamour

Chimpíns en Cans

As datas do Festival de Cans levan sendo apuntadas na miña axenda polo menos catro anos. Pero eu son máis unha persoa de plans que de execucións e finalmente a vida irrompía con propostas irrenunciables e, sobre todo, incombinables.

Este ano decidín que desta non pasaba. Que un non pode vivir a menos de 30 km de Cans e ter pisado antes a alfombra vermella da cidade case homónima francesa. Que un non pode escoitar ano tras ano entusiastas declaracións dos que si estiveron. Que un non pode deixarse levar pola imposibilidade técnica de conseguir entradas.  E sobre todo que un non pode escribir sobre paseos en chimpibús sen telos visto xamais.

O xoves pola tarde achegueime a ver ‘Personal Movie‘, unha longametraxe de Hector Carré que se estreaba mundialmente no Festival de Cans, pois se ben se trata dun festival de curtas galegas, tamén é posible gozar de concertos de música, coloquios ou longametraxes.  A primeira conclusión foi que non mentían na web. É certo que o día grande, cando se exhiben as curtas, é imposible coarse nas mini-salas, pero non o é menos que o resto dos días hai actividades máis que interesantes de fácil acceso.

‘Personal movie’ estreábase no Círculo Recreativo e Cultural de Porriño, onde había sitio para unhas 200 persoas. A sala encheuse, pero ninguén quedou fóra. O ambiente gustoume por resultar bastante máis variado do que vén sendo habitual en calquera tipo de festivais.  En canto ao filme, a medio camiño entre o thriller e o relato de iniciación, cóntanos as desventuras dun mozo ao atopar un brazo na súa neveira e non ser quen de recordar nada da noite anterior.

Cheguei ademais a tempo para ver o meu primeiro desfile de chimpíns. Hector Carré, Chete Lera, Isabel Blanco e “o da Repanocha!” saúdaban a modo de reis desde os chimpíns engalanados para a ocasión. Detrás subiron algúns veciños aos que os amigos furaban a flashes desde a beirarrúa. Aí comecei a entender o concepto agro-glamour. E mola moito. Os chimpíns son conducidos polos propios veciños de Cans, que tamén converten os seus galpóns en improvisadas salas de proxección. E iso é, probablemente, o que fai este Cans mil veces mellor que o outro. Apostar por un festival de cine onde hai algo máis que postureo.

Volvín o sábado pola mañá, esta vez si a Cans, para o coloquio de Isabel Coixet, outro dos pratos fortes da programación extra-oficial. En Cans volvín ver chimpíns coidadosamente decorados, imaxes de cans amarelos en cada porta, finca ou balcón, moito moderno e moito que non e alfombras vermellas que conducían a alpendres.  Un non podía evitar pensar na boa labor que están a facer tanto a Asociación Cultural Arela coma Alfonso Pato ao conseguir organizar un festival nunha aldea que en realidade non ten máis de tres rúas. Iso como trazo diferencial xa non é pouco.

Isabel Coixet en CansO día non acompañaba e o coloquio non puido celebrarse onde estaba programado (a leira de Alicia) para lixeira decepción de Isabel Coixet (outra sinal dese espírito único de Cans). Tivo que ser no adro da igrexa que estaba cheo de xente; xa lle dixo Pato a Isabel Coixet que estaba impresionado co seu poder de convocatoria: “Estes coloquios nunca tiveron tanto público. Está claro que es unha artista da hostia”.

Alí leu as primeiras páxinas do guión no que está a traballar, e que conta a historia de Elisa e Marcela, as dúas mulleres coruñesas que casaron en 1901. Leuno intercalando o propio guión con interesantes aclaracións sobre o proceso de escritura do mesmo, coma a necesidade de incluír un nu -aínda que sexa da mazá da perna- nas primeiras páxinas para enganchar ao produtor ou a maxia de poder pasar da Pampa Arxentina á Coruña nun só cambio de plano.

Antón Reixa presentou a Isabel Coixet dicindo que hai tres tipos de persoas: os que detestan os seus filmes, os que os xulgan racionalmente e os hooligans. Eu debo recoñecer que tras oíla falar acabei moito máis hooligan do que xa chegara.  E por suposto, non puiden resistirme a entregarlle una disqueficha, que podedes ler aquí.

Fotos | Rafa Costas

 

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *