Hoxe comeza O festival de Cans, unha cita que xa se converteu en ineludible para coñecer as mellores curtametraxes de Galicia. Pero non so para iso (que non é pouco), senón que tamén podes gozar de estreas de longametraxes e documentais, concertos, coloquios con cineastas, e o que é mellor: unha atmosfera festiva e moi divertida.
Xurdiu en 2004 como alternativa a esoutro festival que se está celebrando agora, e que para tantos xogos de palabras daba en Cans. Iso si, o aburrido glamour de Cannes substitúese aquí por agroglamour, e o transporte público oficial son os chimpíns (si, si, os tractores resultan híper-entrañables). Coincide todo o demais: alfombra vermella, estrelas do panorama audiovisual, premios… Soa moi ben, seica demasiado, porque ver as curtas está a se converter en misión imposible.
O feito de que non se proxecten nun gran teatro, senón en pequenas “salas” esparexidas pola aldea, fai que o aforo sexa moi limitado (ou exclusivo, como queiramos velo). Aínda que este ano o aforo creceu, as entradas que se podían mercar a través de internet non duraron nin 15 minutos. Pero como eles explican, non conseguir entrada non é motivo para desanimarse: hai unha morea de actividades que se poden facer de balde, e só por ver o ambiente en Cans, xa merece a pena a viaxe.
O festival, que arranca esta tarde ás 20.00 h, durará ata o sábado e contará coa presenza de Fernando León de Aranoa, O gran Wyoming, María Pujalte ou Jorge Coira. Para ver todo o programa do festival, pincha aquí.
Foto | Fátima R. Sío