Roma, ou como nos rendemos ante a pericia de Alfonso Cuarón

Queridas, imos vellas. Hai uns intres estaba a repasar a filmografía do director mexicano Alfonso Cuarón para escribir unhas liñas sobre Roma, a súa última película, cando lin algo que me chocou: Y tu mamá también estreouse en outubro de 2001, hai máis de 17 anos, en pleno trauma planetario polos atentados do 11-S e cando moitas das influencers que hoxe dominan o mundo aínda levaban cueiro. Ains…

Xa afundidos na miseria máis absoluta, imos ao tema. Y tu mamá también non foi o primeiro filme de Cuarón, pero si o que o elevou ao olimpo dos deuses do cine. Roma, en cambio, é a película que o consolida como un dos amos do olimpo, dos poucos que posúen a apócema secreta para converter unha historia sinxela nunha alegoría sobre o humano, a través da imaxe e do son.

O filme conta a historia de Cleo, que traballa como empregada do fogar para unha familia acomodada da colonia Roma, en Cidade de México, a comezos dos anos 70. É un personaxe íntegro desde o principio ata a fin, que te emociona por como sae adiante putada tras putada, e iso que as que lle caen son ben gordas. Limpa o lixo da familia; cría, ama e educa como se fosen propios os fillos doutros; apaga as mesmas luces que a ela non se lle permite acender para non gastar e ata saca algo de tempo para divertirse como a moza que é. Alfonso Cuarón converte nunha obra mestra a historia de tantas voces silenciadas…

O mexicano é un artesán que manexa a linguaxe cinematográfica á perfección. Moi poucos conseguen que sintas un tremor de terra, o calor abafante do lume e as ondas do mar bater contra o teu corpo como o fai el. Pero o mellor é que o mundo físico está ao servizo da narración. Sempre. Non hai derivas sen sentido, cada escena ten un porqué e dáche unha nova clave para entender como funciona ese universo descoñecido e imperfecto que se abre ante nós. Forma e contido avanzan xuntos, amodo pero con paso firme. Cuarón fai que pareza fácil, pero abofé que non o é.

A de Cleo é unha historia contada con honestidade e poboada por personaxes que nos resultan familiares, malia a época e a distancia. E iso é así porque o guionista e director nos está a falar da súa propia familia, ao tempo que describe a casa, o barrio e os costumes da súa infancia. Tardes de xogos, mañás de sono, pelexas, ceas ruidosas, a violencia nas rúas… ata a merda do can na entrada da vivenda. A memoria pode traizoarnos, pero os instintos non nos abandonan, como tampouco o fan os olores. Cuarón móvese nese mundo de sensacións cunha destreza absoluta. Costa crer que esa familia á que acompañamos nas dúas horas e cuarto que dura o filme non é unha verdadeira familia. E cando chega o final, queremos saber máis… como segue a vida de Cleo?

Subtítulos en español de España? Mimadriña…

Roma foi rodada en español e mixteco (unha lingua do sur de México), pero Netflix pensou que era necesario subtitulala ao español de España para atraer ao público peninsular. O resultado son uns subtítulos nos que enojarse “tradúcese” como enfadarse, ustedes como vosotros e checar como mirar. Útil, non si? Se subtitular ao español un filme rodado case integramente en español xa ten pouco sentido, non falemos do gasto innecesario que supón e, sobre todo, da molestia que causa ao espectador a maior parte do tempo. O resultado, polo menos no meu caso, foi pasar dos subtítulos salvo nas partes en mixteco, nas que si son necesarios para seguir o fío da historia.

Cine vs sofá e manta

Máis aló da polémica decisión da todopoderosa Netflix de retirar a cinta do festival de Cannes, o certo é que Roma inspira unha sala escura e palomitas. Eu non tiven a sorte de vela no cine (non chegou a estrearse nas salas galegas) e penso que é unha mágoa non poder desfrutala nese escenario máxico. Pero non nos queda máis remedio que ir acostumándonos, xa que as plataformas dixitais están a apostar con forza polo cine de calidade (aínda que non sempre, só hai que ver a chambonada de Netflix en Bird Box) cun percorrido mínimo ou inexistente en salas comerciais. Uns din que as plataformas democratizan o acceso ás películas e outros critican que non se poida desfrutar destas no seu entorno natural, que é a gran pantalla. O debate está servido. Mentres, gocemos do poema visual que é Roma.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *