Onde ver cine en VOS en Galicia?

cine

Certo é que a cousa mellorou se a comparamos co que acontecía hai uns dez anos, por exemplo, pero ver películas en VOS tampouco é moi doado. O cine en VOS aínda non cruzou a fronteira do mainstream e iso que quen proba acaba por ser un auténtico converso e defensor do modelo. Hai uns anos fixemos un pequeno mapa de onde ver cine en VOS en Galicia e dado que as cousas cambian e os cines mudan decidimos actualizar o contido repasando o que acontece nas diferentes cidades galegas para aqueles que queren ver cine en VOS e non na pantalla que toque na casa.

Numax, Santiago de Compostela

Teñen cafetería e librería, ademais de cine, o que fai deles o cine máis para modernos de toda a lista. Naceron para ofrecer xusto este tipo de películas, que desapareceran da carteleira santiaguesa coa morte dos cines Compostela (uns dos primeiros en pechar da cidade nos últimos anos, antes de que tamén o fixeran os Valle Inclán). Os Numax non poñen películas de masas (son un cine dos ‘de arte e ensaio’), así que é bastante posible atopar alí o tipo de película que nunca chegará aos multicines. Durante este mes terán tamén sesións especiais ligadas a Curtocircuíto.

Cinesa As Cancelas, Santiago de Compostela

Que nas Cancelas poñían cine en VOS o descubrín por casualidade. Hai sesións os martes dalgunhas películas e, segundo me explicaron por correo dende a propia Cinesa, tamén algúns domingos na sesión das doce da mañá. Son a alternativa en Compostela cando o que queres é ver pelis desas taquilleras pero en versión orixinal. “Intentamos ofrecer a película de estrea máis potente”, explicábanme por mail cando lles preguntaba como escollían a película que poñen en VOS. En Galicia, o Cinesa de Santiago é o único con sesións en versión orixinal, aínda que teñen noutros cines en España (fixeron a proba porque “hai clientes que o piden”).

Multicines Norte, Vigo

Os Multicines Norte foron dos primeiros en Galicia en ofrecer unha programación regular de cine en versión orixinal (velaquí a proba de cando comezaron). Dende a parte viguesa de Disquecool din:

“Tiña moito sentido que os Norte tivesen filmes en VOS, xa que coa súa programación eran xa desde había anos o destino para os cinéfilos vigueses (hai uns meses unha amiga madrileña que leva anos vivindo en Londres estivo por Vigo co seu mozo londinense-xusto cando eu non estaba -, e nunha tarde de choiva remataron nos Norte vendo “un filme lituano que nin nos cines máis hipster de Londres”). O éxito da proposta foi claro, xa que agora case todas as películas que amosan son proxectadas en VOS nalgunha das súas sesións (que si, que fai falta un máster para entender a súa programación -supoñemos que eles teñen que facer un tetris para creala todas as semanas -, pero paga a pena!)”.

Forum Metropolitano, A Coruña

É un mega complexo cultural no que hai moitas cousas máis, pero, entre todas as cousas que forman parte da súa programación, tamén teñen cine en versión orixinal.

Yelmo Cines Los Rosales, A Coruña

Xa aparecía na anterior lista de cines en Galicia para ver películas en VOS e pouco podemos engadir. Botando unha ollada na súa web descubrimos que seguen facendo sesións con algunhas películas en versión orixinal, aínda que non moitas e non todos os días (polo que atopamos na web esta semana só hai unha este martes dunha das películas).

Portugal en xeral

Non é unha opción moi barata, por aquelo de que tes que facer turismo para logralo, pero Portugal pode ser unha idea para ir ao cine en versión orixinal. Alí todas as películas son con subtítulos. Nós fixemos unha análise para ver se sae a conta (spoiler alert: non) pero dado que Portugal é o noso destino turístico favorito repetimos habitualmente a experiencia.

Como sempre, este tipo de artigos están abertos ao traballo colaborativo. Se sabes dun cine en Galicia con sesións en versión orixinal, deixa un comentario!

Foto Unsplash

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará