Imos ao cine a Portugal?

A pregunta base que motivou a nosa experiencia nos cines portugueses foi: vale a pena desprazarse ata Portugal só para ver un filme en versión orixinal?

E é que a pesares de que a situación en Galicia mellorou nos últimos anos (en Vigo, A Coruña e Santiago contamos cunha sala con VOS, viva!), non podemos evitar mirar con certa envexa aos nosos veciños portugueses, eses que no estranxeiro sempre nos deixan en ridículo co seu acento depurado porque (son as cábalas) desde pequeniños ven todos os filmes en inglés (ou no idioma que corresponda, pero tendo en conta quen copa a industria cinematográfica…).

Recoñezo tamén que eu esperaba que a resposta a pregunta fose non, porque o meu eu vigués síntese un pouco traidor. Non é suficiente con que Peinador perda voos ao mesmo tempo que Sá de Carneiro os gaña? Quero tamén que os cines de Vigo esmorezan mentres nos mudamos a Viana do Castelo, Guimaraes ou mesmo Oporto? Ben, quizais sexa o momento de espelir.

De todas maneiras, como xa intuiriades, economicamente non é nada viable moverse 150 km no coche só para ir ao cine (que si, en Portugal é un chisquiño máis barato, pero non tanto). E é que para ires a Oporto, por exemplo, gastarás uns 40 euros entre carburante e peaxes -non esquezamos que os portugueses determinaron matar o turismo a través deses pagos estraños nas autovías que antes eran de balde-.

Agora ben, a experiencia de ir ao cine en Portugal é fantástica. Probamos uns cines calquera, de centro comercial, en Vilanova de Gaia, e sentímonos ben cosmopolitas. Había un montón de filmes para escoller, e fronte ao que poidades pensar (repito: estabamos nun centro comercial) tres ou catro bastante bos. Supoño que en cidades máis pequenas a oferta se reduce considerablemente.

A entrada podíase coller na taquilla ou nunhas máquinas automáticas que che facían un pequeno desconto. Ese desconto tamén cho fan se mercas a entrada a través de Internet ou do móbil (son 60 céntimos menos, o que fixo un prezo final de cinco euros con dez céntimos). Descoñezo se temos ese servizo aquí ou non, pero outra disquecolega afirma que normalmente sae máis caro cando o compras mediante estes métodos máis cómodos.

Entramos no cine e observamos o despacho de flocos de millo, que alí dá se cabe máis medo. Os prezos abusivos, por suposto (3 euros un aquarius pequeno, por exemplo), pero o terrorífico é o mundo de posibilidades que se abren ante nós: queres un perrito coa cocacola? Queres nachos con queixo? A idea de ter ao redor seres deglutindo parécelle un pouco desagradable ao meu eu pijo, pero ao darme de conta que na nosa sala ninguén come quedo máis tranquila.

En canto á sala, é a propia dun cine moderno, de centro comercial. Ampla, con asentos cómodos,  a altura necesaria entre eles, un son inmellorable… como calquera cine moderno, exclamaredes, si, pero, cando viches ti un filme en versión orixinal nun cine moderno?

Como xa saberedes se sodes fieis lectores de Disquecool, os anuncios son outra razón de peso para ir ao cine en Portugal. Mestúranse sen pudor os anuncios máis cutres e locais con pequenas marabillas á altura do de MEO, do Gato Fedorento. Despois tres ou catro tráilers e o filme dá comezo. No noso caso, ‘Un método perigoso’ no que gozamos das voces orixinais, fixemos algo que fará que os nosos profes de inglés sintan orgullo e sempre puidemos seguir os diálogos gracias aos subtítulos en portugués -que se entenden perfectamente-.

Non che vou propoñer que cada xoves vaias ao cine en Portugal gastando 40 euros entre a ida e volta. Pero o certo é que neses días festivos, nos que todo o sur de Galicia se lanza á conquista de Portugal, un cine a última hora da tarde pode ser o broche de ouro da xornada. Cine en versión orixinal, en asentos cómodos e por un prezo alcanzable.

(Podes facelo en varias cidades do Norte de Portugal, coma Oporto, Braga, Guimaraes, Viana do Castelo, Vizela, Barcelos, Vila Real ou Bragança).

 Foto | Gilles Klein

Shares

    10 comentarios

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *