Aurelia: Ringo tamén comeu empanada

AureliaHai historias que atrapan, que nos gusta contar. Hai historias que saen á luz e historias que permanecen agachadas na escuridade ata que alguén as descobre. Todo galego fan de The Beatles que se prece coñece a historia de Rosaura López, a pontevedresa que traballou durante catro anos e medio en Nova York na casa de John Lennon e Yoko Ono. Imaxinamos a Lennon comendo empanada e non podemos evitar sorrir. Agora, grazas a unha curta documental que vén de ser preseleccionada para os Goya, sabemos que houbo outro beatle con conexión galega. Ringo Starr foi antes. Ringo tivo a Aurelia.

Aurelia García é unha señora de Ferreira (Lugo) que, coma tantos outros galegos ao longo da historia, nos anos 60 fixo as maletas e emigrou. O destino foi Londres. O que non poden dicir moitos deses emigrantes galegos é que rematasen traballando para un beatle. Aurelia si: traballou na casa de Ringo e a súa muller de entón, Maureen. Uns anos despois volveu a Galicia e non lle deu maior importancia ao tema. A súa historia podería ter quedado esquecida e descoñecida, pero afortunadamente non foi así: no ano 2006 unha estudante de Comunicación Audiovisual, Sabela Blanco, soubo da historia “a través dunha prima”, e utilizouna como base para un proxecto documental para a carreira. Agora, cinco anos despois, a curta documental ‘Aurelia’ está preseleccionada para os Goya. A directora é, non obstante, Milena Martínez Basalo.

Milena é amiga de Sabela e formaba parte como cámara do primeiro equipo que realizou o proxecto para a carreira, algo que “finalmente non saíu adiante”. Pero a ela quedoulle a espiña da historia de Aurelia, e en 2010, mentres estaba en Madrid traballando para a produtora 14Pies, puido retomar o proxecto. “O proceso foi moi interesante, porque era reconstruír dunha maneira efectiva o proxecto orixinal (moito máis longo)”, cóntanos. Ademais, ao estar traballando nunha produtora, Milena tivo a vantaxe de contar co apoio e a axuda dos seus compañeiros de traballo. Ao fin e ao cabo, era a súa primeira experiencia como directora. “Creo que realmente foi o que máis me preparou para facer o proxecto, coller seguridade traballando no mundo real”.

E sen dúbida o primeiro experimento saíulle ben. Tres premios (Elche, Fib, Aguilar de Campoo) e nestes últimos días a gran sorpresa: a curta está preseleccionada para os Premios Goya. “Para nada esperaba esta acollida”, di Milena. “Para min xa foi unha celebración e milagre poder ter rematado o proxecto, velo proxectado no Círculo de Bellas Artes o día da súa estrea foi incrible”. Unha boa forma de darse a coñecer no difícil mundo do audiovisual para alguén que, por certo, está a buscar traballo.

Non obstante, a dirección non é a liña de traballo na que quere centrarse agora Milena, xa que de momento lle interesa máis a fotografía. Iso si, a longo prazo si que admite que lle gustaría “continuar facendo proxectos en vídeo”, sobre todo de tipo documental. “Por exemplo”, explica, “colaboro coa Fundación San Martín de Porres de persoas sen fogar, e realizo fotografías e vídeos para eles. Algún día gustaríame levar a un formato máis grande algunha das historias que alí se ven”.

Aínda non sabemos se ‘Aurelia’ irá finalmente á noite dos Goya, pero polo menos a historia xa foi rescatada da escuridade e sabemos que non só John Lennon, senón tamén Ringo (e moito antes) oíra falar de Galicia. Desde Disquecool propoñemos dúas liñas de investigación para continuar con estas historias:

1. Pescudar se Ringo lle falou a John das marabillas da gastronomía galega e por iso despois quedou con Rosaura en Nova York.
2. Pescudar se os outros Beatles tiveron tamén conexións con Galicia.

Adiantámosvos que Milena admite que o seu beatle favorito é Paul McCartney, quen por certo coñeceu bastante a Aurelia. Quizais toque tirar por aí?

*Podes ver a ‘Aurelia’ na web de 14Pies

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *