‘The artist’ é unha película muda (con banda sonora incluída, iso si), e sabelo xa dispara, queiramos ou non, os nosos prexuízos. Durante os primeiros 10 minutos de filme non puiden evitar rumiar as miñas reservas: facer unha peli só para divertirse recreando as condicións das primeiras películas, vaia por deus, pero este home non sabe que se pode facer cine sen son pero con profundidade?
Todo prexuízos, xa o dixen. O director, Michel Hazanavicius, non estaba máis que presentando a situación a modo de comedia lixeira, con personaxes que interpretaban a través de hiperxestualización e grandes espaventos e letreiros que nos contaban unicamente o que non podíamos entender doutro xeito.
Sen embargo, a historia pronto se fai coa atención do espectador que comprende finalmente que, esa é a forma máis coherente de contala. Unha historia que, polo demais, ten interese por si mesma: a caída dunha estrela do cine mudo ante a popularización dos filmes con son. O orgullo do artista rexeitado incapaz de adaptarse á nova situación. E o amor como catalizador de solucións (que soa un pouquiño relambido, pero así eran as películas a principios do século XX, bonitas).
E é que ese é o mellor cualificativo para este filme: fermoso tanto desde o punto de vista plástico coma moral. Porque agora que parece que todo produto cinematográfico bo, profundo e intelectual ten que ser deprimente e ata cínico, non está de máis lembrar que a maxia do cine clásico estribaba noutra cousa.
‘The artist’ é un xogo de estilo, si, pero é un que resulta. A homenaxe de Hazanavicius ao cine dos anos 20 non se queda en mero gozo visual, senón que se constitúe como filme completo, complexo e redondo. A pesares de cinguirse (case) exclusivamente ás normas de entón, nós, espectadores do futuro, non temos un minuto de aburrimento, non quedamos coa sensación de que habería moito máis que dicir, non nos distancian eses acenos esaxerados á cámara.
E de paso recórdasenos que houbo unha época en que o cine era pura ilusión. E que para que volva a selo, o de menos son os adiantos técnicos.
Foto | The Artist