*Colaboración de Julia González
Trece anos de Curtocircuíto e nunca deixará de sorprender. O festival converteuse nunha mostra espectacular de arte e cultura. Unha mostra do cine que hai que ver, hai que facer e sobre todo, hai que sentir. Un cine que é pensado para iso, para ser visto e ser sentido. Hai moitos ollos que o miran e aí radica a esencia, xa que sen espectadores, non hai festival.
Curtocircuíto intenta abrirse paso e conseguir un novo público, unha nova horda de seguidores de este cine incomprensible para algúns, pero que, pouco a pouco, vai calando. Non sempre as salas estiveron cheas, consecuencia da oferta non tan comercial e dun atractivo diferente ó de outras películas ou curtametraxes. Pero (e este é un dato moi revelador) a nivel xeral, pódese dicir que houbo unha gran cantidade de persoas que acudiron ás diferentes salas e espazos do festival. O contra co que xoga este festival convértese sen dúbida nun punto a favor.
Este festival, que celebrou a súa edición número trece, recibiu este ano máis de un millar de películas de máis de setenta países diferentes, pero finalmente foron escollidas sesenta e cinco filmes para concurso.
A primeira proxección que desfrutei foi a exquisita obra de Siegfried A. Fruhauf, Vintage Print, que foi galardoada posteriormente co premio do Xurado Novo. Caracterízase por un marcado claroscuro empregado de principio a fin. Sombras e figuras sen unha clara silueta e definición coas que o autor deixa entrever o tipo de cine que nos vai mostrar nos seguintes vinte e cinco minutos. Nin sequera se pode definir dun xeito claro e real o son que acompaña ás imaxes, senón que se mestura nos nosos oídos unha parte de ruído e unha parte de voz ou conversa.
Árbores, pedras, ramas, xeo, neve… De forma aleatoria (ou cunha clara intención) vainos mostrando os ingredientes principais de esta narración: natureza e confusión. Texturas e sombras que, coma animaliños, xogan entre si, dan voltas, acaban mareando.
Son e movemento (ou é que o son é movemento?). Repeticións incesantes e desconcertantes. Movementos acelerados e cada vez máis rápidos. Algo parece que vai saír da pantalla dun momento a outro. Parece como que a mesmísima morte está agardando por nós ao outro lado. De maneira hipnótica, seguimos observando esas imaxes e eses flashazos de luz. Non queda claro que é o que estamos a ver, pero aí radica a importancia e a xenialidade desta pequena obra cinematográfica.
Dentro da oferta do festival temos curtas de todos os estilos. Dende traballos o máis experimentais que un espectador pode imaxinar ata a representación do sexual ou o íntimo na era de internet. E é este último aspecto o que, para min, foi o máis salientable de todo o festival. Sex Tapes, unha das seccións especiais, elaborada por Miquel Martín Freixas e Curtocircuíto en colaboración con Ultreia LGBTI, amosou unha perspectiva do mundo da internet e a representación colectivizada na rede moi interesante. Ademais, tivemos a oportunidade de conversar con Flor Aliberte, a autora da curta documental (Self)Exhibitions, e Miquel Martí, nun coloquio despois do visionado das curtametraxes.
A maneira de mostrar o íntimo na rede, a cuestión de desvincularse dun “eu” para colectivizalo nas redes sociais. O importante non es ti, nin eu, se non “nós”. Pero un “nós” impersoal. Un colectivo que, por diversas razóns, remata nun mesmo lugar, unha comunidade: internet. Foi moi interesante apreciar ese xogo de espellos de anónimos que se autofilman no seu contexto de intimidade, pero, vemos como a súa vez, existe un elemento de contaxio no momento que a rede media como método de comunicación.
En xeral, todas as pezas desta sección relataban unha forma de expoñer o íntimo moi propia da era na que nos atopamos: a era dixital. O curioso é, como foi comprobado ademais no coloquio posterior ao visionado, que moitos de nós, aínda que vivimos tamén nesta época (gozamos de acceso á internet, temos smartphones e todo tipo de redes sociais) non concibimos ese traspaso voluntario da privacidade da mesma maneira. A fenda xeracional cambia dunha maneira abismal en canto ao uso das tecnoloxías e o seu coñecemento. Cinco anos de diferencia que, nun primeiro momento, parece moi pouco é determinante neste senso.
En resumo, esta sección quería amosar unha serie de comunicacións espontáneas enmarcadas nunha dinámica por constituírse na identidade pública. Unhas novas formas de expresións moi propias deste século caracterizado pola linguaxe dos hashtags, os likes e a ventá ao mundo a través das redes sociais. De feito, unha das conclusións do coloquio foi que na época actual semella que as experiencias persoais ou colectivas de cada individuo ou grupo non existen se non pasan pola pantalla e pola exposición (e aprobación) pública.