A volta da comedia romántica

Hai unhas décadas atrás, as carteleiras dos cines e as programacións das televisións (unha vez que a película en cuestión perdía a novidade) estaban cheas de comedias románticas. As comedias románticas —ou rom-com— eran as raíñas dos videoclubs e as súas actrices protagonistas, que se repetían nun e noutro título, eran as «noivas de América». Pero o éxito da rom-com e a súa omnipresencia tivo un epílogo posterior: eses filmes desapareceron das grandes estreas de Hollywood. Os títulos quedaron reducidos a, como moito, algunha peli feita para a televisión por cable estadounidense e que chegaba logo a España para ser emitida algún sábado ás catro da tarde ou para encher ocos nalgunha canle das plataformas de pago. A historia era habitualmente ñoña e a produción de baixa calidade.

Coa chegada do século XXI, a rom-com desapareceu do panorama do cine popular. As cantidades de filmes que produciron os grandes estudios de EEUU no xénero descenderon (en 2010 lanzaron en todo o ano 9 películas neste xénero, pero en 2017 os grandes estudios xa non lanzaron ningunha). A comedia romántica caera, como explicaban nunha análise de Business Insider, porque os grandes estudios decidiron que os filmes baseados en bandas deseñadas lles saían máis rentables, especialmente a nivel internacional, e tamén porque non souberon asumir os cambios demográficos (como lle explicaba un analista ao medio estadounidense, as grandes produtoras non souberon comprender como cambiara a visión do amor e o proceso de namoramento e por tanto non eran quen de contar esas historias).

A iso tamén hai quen suma a morte das pelis de presupostos medios, o feito de que nas comedias románticas os homes non teñan papeis fortes ou o desinterese xeral dos grandes estudios de Hollywood polas «historias de mulleres» como razóns para o seu eclipse.  Os únicos que seguiron facendo comedias románticas, ademais da televisión, foron os produtores independentes, aínda que esas historias tiñan —e teñen— máis complicado chegar ás audiencias de masas que as grandes estreas do pasado alcanzaban.

Pero iso non implicaba que a demanda de comedias románticas non existira. Posiblemente, o gran exemplo que verbalizou como para un grupo de espectadores este tipo de contidos seguían sendo atractivos está nun tuit que a modelo (e tuitstar) Chrissy Teigen publicou hai uns meses. Preguntou onde marcharan todas as rom-coms das estreas e o tuit converteuse (como non) en viral.

E non só hai consumidores que queren ver estes contidos, senón que hai tamén novos xogadores na industria do cine e dos contidos, xogadores que están cambiando como se producen as cousas e como se xeran os fluxos de demanda. Toca meter agora a Netflix nesta historia. O portal de VoD é quen está creando o marco para a volta da comedia romántica como xénero popular e mainstream.

Netflix acaba de estrear Set It Up (en Netflix España é Cómo deshacerte de tu jefe), a historia de dous asistentes que deciden xogar a casamenteiras cos seus respectivos xefes workaholics para así poder ter vida fóra do traballo. A película é unha comedia romántica clásica, dende a música ata os escenarios pasando polo guión e chegando ao póster co que lanzaron o filme. Set It Up apareceu xa en multitude de análises dende que se estreou o pasado 20 de xuño como a mostra exacta de como Netflix está resucitando a comedia romántica (e axustada ademais aos novos tempos).

E se o fai non é claramente por desinterese. Segundo as súas estatísticas, dous terceiras partes dos seus usuarios en todo o mundo viron polo menos unha película romántica entre marzo de 2017 e marzo de 2018. Ademais, e como apuntan en Quartz, para Netflix as comedias románticas teñen os mesmos beneficios en termos de escala que teñen para as televisións por cable. A rom-com é moi rendible. Facer unha non sae moi caro e para conectar coas audiencias non precisan grandes estrelas, senón máis ben unha historia que enganche. Set It Up é a máis visible das súas estreas no xénero, pero nos últimos meses (e nos próximos) lanzaron xa outros títulos que poden entrar no nicho e tamén historias do xénero para adolescentes.

A comedia romántica podería estar, por tanto, encamiñada de volta ás nosas pantallas.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *