As series que veremos este outono

Unha das tradicións da redacción de Disquecool é a de, cando comeza a temporada de outono da televisión, sentar fronte a unha pantalla e ver nela tráiler tras tráiler das series que van chegar ou que están xa en emisión cos seus primeiros capítulos. É a versión de setembro, adulta e televisiva, de ver o catálogo de xoguetes cando estás pensando que poñer na carta aos Reis Magos. Do que vemos habitualmente sacamos unha longa lista de cousas que imos ver (e que despois vemos) e a lista acaba sendo un artigo (para non pensar que perdemos a tarde vendo vídeos porque así estabamos traballando…).

Este ano sentamos as habituais que vemos tráilers e escollemos ano tras ano (Ana e Raquel) cunha espectadora invitada, Tera (que seguro que despois de ver tráilers durante toda unha tarde debeu arrepentirse do momento no que aceptou o noso planazo). Do que vimos, sacamos o noso listado de series que queremos ver e unhas cantas conclusións.  O listado, como poderedes descubrir, debe moito a Ana* e aos seus hábitos de espectadora. «Se non non hai artigo, menos mal que teño a mente aberta», xa comentaba ela en directo mentres pasabamos adiantos de series. As demais estabamos entrando nunha sorte de baleiro existencial televisivo, sentindo que o que prometían as diferentes cadeas e plataformas non era gran cousa.

Ademais, a primeira conclusión que sacamos é que este ano hai moito horror adolescente, que como dixeron neste visionado previo «é a época na que todo é horrible, así que ten certo sentido». A segunda é a de que estamos xa fartas de homes torturados con historias truculentas. Xa sabedes, a típica historia de tipo insoportable que non quererías ter de veciño (pero que é o protagonista da historia) que ten algunha muller de fondo que explica todo este #drama. O momento no que dixemos stop foi co tráiler de Patrick Melrose, a serie de Sky, que é ademais a enésima versión que Benedict Cumberbatch fai dun tipo raro.

E, un ano máis, tamén sumamos como conclusión que os tráilers non hai quen os entenda. Non é algo novo, senón máis ben unha tendencia dos últimos anos. Non comprendemos moi ben por que o fan, pero na nosa pequena mostra estatística tivo un efecto espantada en non poucos casos.

Camping

Ana di: é unha miniserie e ten bo reparto. Ademais, gústalle a presentación.

You

Ana di que non ten moi claro se a verá ou non, pero sabe que si ve o primeiro capítulo verá todos os demais.

Dirty John

Ana di: está baseado nunha historia real! Súmaa á lista.

Maniac

É a historia top de Netflix para este outono a nivel series, crítica e deixar ver como molamos. Nós temos visións contrapostas. Raquel ten claro que parece unha rallada (e non a vai ver), Ana púxoa na súa lista rapidamente e non só porque apareza na serie Justin Theroux. Apunta que parece interesante, que é a serie da que todo o mundo vai falar e que o director é o mesmo da primeira tempada de True Detective, Cary Joji Fukunaga.

(Actualización: Ana xa viu a primeira temporada e recomenda a serie. É, si, unha rallada, pero moi divertida. Justin estaba máis atractivo en The Leftovers, iso si).

Sorry for Your Loss

Aínda que parece rollo indie pesado, Raquel di que verá polo menos o capítulo un. A razón pola que o fará é quizais sorprendente. A serie é a primeira de Facebook Watch, a plataforma de contidos de vídeo de Facebook (o seu Netflix-killer), e iso é o que esperta a súa curiosidade.

Sabrina

Ana di que lle da un pouco de preguiza, pero Raquel está convencida de que a verá. Espera que tamén teñan un gato que fala. A serie é —non esquezamos— unha adaptación dun cómic que xa fora adaptado nunha serie que era un clásico da hora da comida.

I Feel Bad

Ana di que é a clásica serie que verá tras ver algunha intensa, cando precise algo máis lixeiro. Raquel está convencida de que só a verá se aparece no menú da televisión como «temporada para ver».

Forever

Ana está segura de que a verá. Ben, xa empezou a ver os primeiros episodios e non pode dicir moito (spoilers, xa sabedes) pero si que antes de tomar ningunha decisión hai que chegar ata o final do primeiro e segundo capítulo.

Kidding

Ana aposta por ela polos nomes detrás da historia. A serie é do director Michel Gondry e o protagonista é Jim Carrey, quen lle gusta cando fai papeis serios.

Single Parents

Comedia inofensiva, pero que poñen na lista de cousas a ver tanto Ana como a nosa invitada, Tera. Parece positiva e de consumo rápido. Raquel ten claro que é o que vería se Movistar pon a tempada completa no seu sistema nun día no que non teña nada que ver e queira estar tirada no sofá con algo ao que darlle a play rápido e sen pensar.

Vanity Fair

Adaptación de novela decimonónica feita pola televisión británica!? Raquel di: onde teño que asinar?

Wanderlust

Ana ten claro que a verá, pero recoñece que vería calquera cousa británica. Ela tamén cree, por certo, que os británicos fan series de época superiores.

Tell Me a Story

Ana veraa porque a idea de dar unha volta aos clásicos literarios parécelle moi interesante (pero non sabía que era unha versión dunha serie española e non coñecía a serie orixinal).

* Apunte final de Ana: unha cousa son as series que di que igual ve e outra as que ve. Que tamén fai outras cousas na vida e tal.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *