Agora que chegou o inverno así de súpeto saltando o outono e o concepto de entretempo, agora que levamos varios días xa co cambio horario lembrando que si, que o verán xa é cousa do pasado, agora que pouco a pouco abandonamos o estado de shock, poñemos o nórdico e facemos o cambio de armario, toca pensar no bo: empeza a temporada de serie, sofá e mantiña. Nós estivemos ao día este verán só para ter o traballo feito para vós e saber que recomendar. Aquí tedes catro series para catro maratóns.
A Very English Scandal
Historia real dun político inglés que nos 70 encargou o asasinato do seu examante. Imaxinade a un grupo de señores british de Eton intentando ser mafiosos. Saíu mal e foi un escándalo que a prensa británica amou. Hugh Grant, no papel da súa vida, é o político, e Ben Whishaw o amante. Todo o que teña a Ben Whishaw polo medio merece ser visto e esta miniserie de tres capítulos non é unha excepción. Moito humor inglés e unha historia case incrible. Está en Amazon Prime Video.
Dietland
Por unha vez, unha serie na que a protagonista, con sobrepeso, non ten como obxectivo vital adelgazar. Traballa nunha revista de moda facéndose pasar pola directora (xenial Julianna Marguiles) contestando as cartas das lectoras, pero a súa vida cambia cando entra en contacto cun grupo terrorista feminista (si). É divertida e inesperada e está tamén en Amazon.
Sharp Objects
Que seguro que xa a vistes porque foi a serie de moda deste verán, pero se necesitabades a nosa opinión: si, de verdade é moi guai. Amy Adams é a típica xornalista alcólica [inciso para lembrar que a primeira semana de carreira, alá polo 2002, un profesor animounos dicindo que o xornalismo era a profesión cunha maior porcentaxe de divorcios e alcolismo] que volve á súa vila a cubrir uns asasinatos de rapazas. Cando coñecemos á súa nai, interpretada por Patricia Clarkson, entendemos que o alcolismo igual non é por ser xornalista.
The Good Fight
Vale que xa está na segunda temporada e non é unha novidade exactamente. Pero se non a estás vendo, non sabemos a que agardas. Algún día dedicarémoslle o artigo que se merece (si, é o spin-off the The Good Wife e non, non botarás en falta a Alicia, só a Eli, porque Eli Gold é o noso personaxe favorito do mundo e todos esperamos que volva nalgún momento do futuro). Quen si está é Diane. E Diane vale por mil.